Afortunadamente, a confortable sala da Libraría Biblos vai quedando pequena para todos os lectores que se suman ao Club de Adultos.
Quedou ben claro que o texto en cursiva, aínda que de lectura fatigosa, tiña sentido para reflictir a perniciosa ficcionalización da vida que fai Shaul, o deplorable maltratador e controlador Shaul ao que o narrador concede o privilexio de ofrecer ao lector o seu enganosamente amable punto de vista. Deste xeito, quedan ocultos os padecimentos e as renuncias da súa dona, Elisheva (tal vez a personaxe menos conseguida), que un lector atento debe reconstruir.
Entre as virtudes do texto, o clima: unha viaxe entre a oscuridade da noite nun Volvo que atravesa un país, Israel, militarizado. Tamén o retrato psicolóxico de Esther, a cuñada á que Shaul inocula o virus da infelicidade nun final que invita a pensar nunha nova historia, tamén, desacougante.
A calquera, en calquera momento da súa vida, pode asaltarlle a idea de reflexionar sobre o tempo vivido, o tempo consumido, o tempo perdido. Moitas veces podemos chegar á consideración, esta vez con Pessoa Ao volante do Chevrolet pela estrada de Sintra, que nas vidas dos outros está a felicidade simplemente porque esa vida não é a minha.
Despois de ler esta novela queda claro que a realidade sempre é unha construción persoal. Tamén que convén poder ter con quen compartirla, buscar puntos de intersección, evitar o perigo do illamento doloroso, do delirio. Por iso, para solventar ese abismo é oportuno despertar. Claro que, como di Esther, Lo más difícil es despertar a quien se hace el dormido.