Amosando publicacións coa etiqueta CLAUDIO RODRÍGUEZ FER. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta CLAUDIO RODRÍGUEZ FER. Amosar todas as publicacións

xoves, 27 de febreiro de 2020

HORA DE LER

HORA DE LER

20ª SEMANA [2ª SESIÓN]

Situacións como a descrita por Laura Pacheco na ilustración só poden obedecer a un resto dun momento de entroido. Claro que o entroido xa quedou atrás despois do mércores de cinza.  
Para estes dous días desta semana curta quedan as seguintes suxestións de lectura: un relato de Javier Sánchez Ibarra no que reflexiona sobre a famosa pintura de Velázquez e un meta relato de Claudio Rodríguez Fer no que a música da Velvet Underground acompaña a fotografía de Eduardo Rodríguez Ochoa.

luns, 21 de xaneiro de 2019

HORA DE LER

 

HORA DE LER

15ª SEMANA [3ª SESIÓN]

Ler os relatos de Elisa R.V. García e Claudio Rodríguez Fer para rematar sendo o corazón da flor.


Ilustración: Elizabeth Sagan e James Trevino

martes, 3 de marzo de 2015

META RELATOS, Claudio Rodríguez Fer

CLAUDIO RODRÍGUEZ FER, Meta relatos, Edicións Xerais de Galicia, Vigo, 1988,72 páxinas.

[NG FER met]


BETULA PENDULA

“Coas yerbas máis mareiras chega hoxe a ti a miña fala azul. Escríboche desde a beira nordés do fin do mundo, acompañado tan só de natureza. Preguntaraste quizais por que che escribo despois de tanto tempo. Pero sei que ninguén acolleria coma ti o meu falar azul e o seu recendo a madresilvas desfeitas. Despois de moitos días de furias e de olvidos, podo ao fin escribir con certo acougo. Quizais foi este mar o que trouxo a paz na que me sinto. Encóntrome perdido, pero vivo, en medio da máis batida punta en terra. Fáloche, coma sempre, coa mesma tenrura coa que a lingua se comprace no nome máis azul da bidueira —Betula Pendula— ou coa que recibín as túas Cancións de amor azul. E falo azul por ti, na Iingua que é máis miña, como este mar oceánico que me arrola e me muxe. A boca posuída pola verba reverte escuma de áspid entre o soño e o intre equidistante no que escribo e no que te evoco azul, ensortellándote, como sempre ocorre cando alguén che fala”.

   Ela mostrara, quizais enroibecida, a fereza erótica das mulleres-tigre e os dous se mergullaran nun mundo de vinilo. Ela golpeouno cunha flor vermella mentres a aprisionaba no corredor. Volveuse con rapidez felina. Foi unha mordedura lenta, como se os dentes se prendaran do pescozo, e Blue vibrou. Despois mordeuna longamente no van. Ela recorreu a caluga coa lingua: alí trabou con saña a súa tenrura feraz. Amáronse con dor apaixonado, ávidos e salgados polas chagas. Desde entón Blue agardaba a súa visita colocando celofán azul sobre as bombillas e Betula empeñouse en tapizar o corredor coa música de Velvet Underground. Tras a explosión ebúrnea da muller-tigre, a penumbra descubría as marcas vermellas veteadas de cardenais estampados en días anteriores. Preferían trabar cos dentes os seus corpos porque pensaban que a mácula debería ser perenne: só escribían sobre o vivente.

   “Hoxe notei un lóstrego estremecedor en todo o corpo. Entón todo se me puxo azul e apareciches ti, tigresa, víbora ou vespa ao ritmo letal do teu veneno”.

   Betula interrompeu a lectura da carta. Sentíase como ausente de si mesma e para corroborarse levou a man ao beizo superior, deforme desde a última mordedura. Por un momento pensou en viaxar a Fisterra, pero axiña Ile pareceu absurdo e continuou lendo.

   “Ante esta mar, a túa imaxe parece difuminarse entre a néboa, como se xa non quixera seguir colaborando en tanto finximento. Por iso non podo seguir ficcionando por máis tempo. Este circunloquio non describe senón a elipse dunha escapada inútil da evidencia que me oprime. Fuxo de min, amor, fuxo de min, do que me trouxo a agonizar ao fin do mundo, lonxe do teu corpo mordido de mazá camoesa. Asediado por durísimos penedos e ante esta auga que bate implacablemente contra as rochas, sinto que fuxo, amor, sinto que luxo cara esa mar inmensa que non leva a ningures. Fuxo de ti en min, fuxo de ti, tabú, cousa prohibida”.

   Entón quixo sentirse mellor que viva. Puxo música violenta e pensou que ía velo á punta de Fisterra. Maxinou o encontro varias veces, con progresiva virulencia. Volvía aos tempos do vitriolo. Betula abríase cando Blue apretaba con forza a súa gorxa de tigresa e soamente a soltaba cando ela acadaba agarralo con furia entre as súas pernas. Logo viña a mareira e todo daba voltas sobre as rochas e o mar víase no ceo e Biue rolaba exhausto polas penas e daba coa caluga nun penedo; o azul cobraba o ton gris da morte. Betula espertou. A carta caera xa da cama. O locutor, matinal e frío, daba as últimas noticias: ESTA MAÑÁ FOl ENCONTRADO O SEU CORPO SEN VIDA TENDIDO SOBRE AS ROCHAS DO CABO DE FISTERRA. POLO MOMENTO DESCOÑÉCENSE AS CIRCUNSTANCIAS DA SÚA MORTE, AÍNDA QUE PARECE SER DEBIDA AO BATER DA SÚA CALUGA CONTRA AS PENAS...



Fotografía: Eduardo Rodríguez Ochoa

luns, 23 de febreiro de 2015

HORA DE LER


19ª SEMANA [1ª SESIÓN]

Son moitas as veces nas que o afán clasificatorio do ser humano inventa imposibles caixóns estancos. Todas as artes viven do diálogo. Por iso, nesta semana facemos as seguintes suxestións de lectura: un relato de Javier Sánchez Ibarra no que reflexiona sobre a famosa pintura de Velázquez e un meta relato de Claudio Rodríguez Fer no que a música da Velvet Underground acompaña a fotografía de Eduardo Rodríguez Ochoa.

Ilustración: Miguel PIneda Montón