venres, 10 de maio de 2024
luns, 23 de maio de 2022
CHEGOU AOS NOSOS OÍDOS: Parherlio de Xosé Luís Mosquera Camba
OS LUMES QUE ESCONDE O XEO
Xosé Luís Mosquera Camba é un deses poetas que non pertence a ningún cenáculo nin segue escolas líricas á moda, mais cómpre non perder de vista. Leva publicando hai case vinte anos, sempre textos que gañaron algún certame, neste caso o Fiz Vergara Vilariño, o que debería facernos reflexionar sobre o papel dos premios, ou, mellor. sobre algunhas precariedades dun sistema tan debedor destas convocatorias. A súa orixinalidade ten que ver con estas cuestións, comunitarias pero tamén coas persoais. Artista visual e especialista en historia da arte, a súa poesía dialoga con outras disciplinas, sobre todo as plásticas aínda que aquí predominan as cinematográficas e musicais. Malia as diferenzas obvias entre libros, a súa produción ten unha gran coherencia interna que se sustenta na intertextualidade e na procura vangardista, sobre todo no que atinxe ao peso do onírico.
En Parhelio, fenómeno físico curioso que fai patente a materialidade das representacións, aparecen algunhas claves nos paratextos, como o prólogo do propio autor. Nel aclárase de onde procede o título e a influencia de Ingmar Bergman, o que en parte explica a preferencia pola amplitude da prosa, mais acaída á narratividade do cine. As tres partes do poemario toman o nome de tres filmes do cineasta. Neste senso, e se incluimos a escoita das suxestións musicais, a obra é unha experiencia artística completa. Aínda que é recomendábel ter visto as películas, non é necesario para entrar na atmosfera bergmariana. O existencialismo, a culpa, o perdón, as pulsións crimináis, a dificultade de amar ou a violencia nas relacións filiáis dan conta do pesimismo co que se olla a propia vida: «un camino que por momentos se fai / intransitable con tanta lama; tanta, tanta lama». Non se salva a ollada inquietante cara á infancia nunha idealización forzada, a linde fina entre normalidade e anomalía psicolóxica ou os límites da comunicación literaria, outro placebo que, malia a todo, forma parte da realidade. «Quen quere entender o poema con esta auga e con este frío e esta respiración descontrolada?», porque á fin é «O poema, un accidente».
Tanta gravidade está compensada por un certo sarcasmo á sueca, propio tamén do director, e por unha paixón por veces dura que alixeira un contido que puidese parecer excesivamente intelectual, mais que non o é. As recorrenencias e as variacións dalgúns motivos constantes, treman do leme para non deixarse arrasar polo «cabalo envolto en chamas», se é que o arrasamento lector é un problema. Non debería.
Inma Otero Varela, nòs Diario, 20 de maio de 2022.
martes, 9 de marzo de 2021
TROVEI PRA TI UM SONETO, Óscar García Ramos
NUNHA AULA EN SILENCIO
A toda/os as profes que non
Roubándolle as eclipses aos paxaros
nas glotes numeradas acontece
silencio de cronopios que ofrece
heurísticas leccións de desamparo
Levando a autoridade como faro
debullan taxonómicas sandeces
declina ‘orixinal’ quiñentas veces
curiosidade rima con descaro
Fanada escuma das metamorfoses
liturxia dos letargos alitera
performance do silencio en esclerose
que soños e devezos eviscera
No lombo da silenciosa necrose
o verbo non ganduxa xa quimeras
Sonetos. En aparencia unha sinxela arquitectura a base de hendecasílabos. Hendecasílabos? Agora entendo ben o que significa meterse en camisa de once varas! Agora comprendo que dicir sonetos é o mesmo que dicir física cuántica, estar vivo e morto ao mesmo tempo, simultáneamente subir e baixar a escaleira. Que sibilino Óscar García Ramos! Non é un poeta, non, é máis do que iso: un xadrecista poeta!!! E tardei en compréndelo, ou sexa, tardei máis do debido e non tiven xa escapatoria. Cando quixen remexerme xa me tiña atrapado no seu taboleiro de sonetor en posición de xaque mate. É por isto que o que aquí escribo, caro lector, vén sendo unha advertencia. Atención pois con este autor que se nos achega sen sentilo e nos musita case sen querer, cunha súa expresión de tímido atrevemento, algo tan indecente como “Trovei pra ti un soneto”. Xa non tes nada que facer, xa es o gato metido na caixa.
Cos seus cuartetos (ou sirventeses) e tercetos vai tramando pouco a pouco a súa orixinal visión poética, un seu universo que vai expandíndose case imperceptibelmente con ese ritmo repetitivo ABBA etc., coas súas sutilezas ou pequeñas variacións, con constancia, con paciencia. Para que présas! Total xa estamos mortos (maldito e bendito Óscar!).
E si, aquí estou eu definitivamente derrotado intentando escribir sobre cousas das que nada sei porque non sabía que non sabía nada délas. Non sabía que nada sabía de sonetos (sonetor) nin sabía que nada sabía de xadrez e, moito peor, non sabía que Óscar quería que eu escribise aquí precisamente por iso, porque el si sabía que eu nada sabía. En fin, puro Schrodinger, e se non, puro Cheshire, e, en último caso, gato galego e punto.
Tardei en ver o taboleiro, as pezas, os movementos, o xogador... Cego! Pero aínda así non era escusa, tamén Borges, e que ben viu. Os sonetos de Borges, o seu xadrez de hendecasílabos. E entón —xa vos dixen, era tarde!— comecei a entender: a Maga, os seus movementos de cabalo de xadrez, de torre (Cortázar dixit); Pizarnik, dispoñendo os días como fronte a un taboleiro de xadrez; por que non tamén esa partida mar xista, esa loita de contrarios (brancas e negras)? Por que non, radicalmente, esa partida definitiva entre a presenza e a ausencia, entre a vida e a morte?
XOSÉ LUÍS MOSQUERA CAMBA





