luns, 28 de novembro de 2022

HORA DE LER

8ª SEMANA 

[2ª SESIÓN] 

 

Nesta última semana do primeiro trimestre, pasados os exames, lendo a Berta Dávila ou a Albert Sánchez Pinyol, collemos aire para sentir xa a proximidade dese tempo de feliz descanso e reparación que nos devolverá axiña, con tenrura, á infancia. 

luns, 21 de novembro de 2022

HORA DE LER


A imaxe de Pau Valls está atravesada por unha liña diagonal. 

Entre o balón de fútbol e o libro, quedamos cun libro no que, por que non, se poida falar de fútbol... 

Eso si: preferimos os campos de O Carregal ou Riazor aos estadios de Qatar. 

A nosa vitoria: aprender a saber perder para, cando corresponda, saber ganar con dignidade e respecto aos compañeiros que xogaran no papel de adversarios.

luns, 14 de novembro de 2022

HORA DE LER


Pode ser que ela estea a ler un relato de Erri de Luca e el teña entre as súas mans unha antoloxía de contos de Lucía Berlin.

Ou ben que estea a suceder que mesmo nesta intersección temporal, ademais de coincidir as súas miradas ao través dos cristais, coincidan as súas eleccións... 

E polo tanto, a partir deste momento o que, até agora, ía en paralelo invertido, remate confluíndo nunha historia que alguén terá que escribir.

xoves, 10 de novembro de 2022

PARA VÓS, JOGADORES, Javier Vázquez Costa




 

JAVIER VÁZQUEZ COSTA, «Para vós, jogadores», AGAL, Santiago, 2022, 112 páxinas.

Esta semana recibimos con xúbilo a visita de Javier Vázquez Costa, [ex] alumno do noso IES, que veu a agasallar á nosa biblioteca cun exemplar do seu primeiro libro. 

A súa titora do Traballo de Fin de Master, Teresa Moure, ante a excelencia do texto de Javier, Graduado en Ciencias Políticas pola USC, recomendou á editorial a publicación deste ensaio subtitulado As masculinidades nos videojogos.

Dúas observacións finais: 

Primeira: nestes momentos Javier está a traballar na empresa NorQuality no Departamento adicado ao deseño de plans de igualdade.

Segunda: a adicatoria (Para el IES Francisco Aguiar por enseñarme tantas cosas permitirme conocer a compas y profes increíbles y por ser la inagotable fuente de sueños y fantasías de tanta gente), non foi obtida a punta de pistola.

Parabéns, Javier!

luns, 7 de novembro de 2022

HORA DE LER

Ler co virxinal asombro que se lle atribúe aos anxos...

Unha das maneiras que ten o xénero humano de porfiar coa morte é manter vivas as persoas arrebatadas. Sabemos que é unha guerra que temos perdida, aínda que, xestos como o de querer ler historias, como as escritas por Anxos Sumai ou por Almudena Grandes, permiten obter a gratificante sensación de ter vencido, polo menos, nalgunha das contendas.

venres, 4 de novembro de 2022

ENCONTRO CON JOSÉ OVEJERO

 


O próximo xoves 1 de decembro, ás 19 horas, recibiremos, de novo, a José Ovejero, esta vez para centrar a conversa arredor do libro de relatos Mientras estamos muertos. (Páginas de Espuma, Madrid, 2022).

Autor dunha considerable carreira literaria, o 8 de novembro de 2019 visitou Betanzos para falar sobre Mundo extraño e Insurrección.


Lemos no primeiro relato desta colección: «Escribir es rememorar justo aquello que desearíamos olvidar a toda costa».

Sabendo da cordialidade de José Ovejero, calculamos que o próximo xoves 1 de decembro asistiremos a unha festa da palabra.

 



xoves, 3 de novembro de 2022

HORA DE LER


 

En días como estes, as lecturas ben poden axudar a desacralizar a Morte, a desmontala, con serenidade, das súas maiúsculas para ensinar a vivir a Vida. 
Son os medos moi necesarios para encarar os perigos. Mal administrados, eses medos poden ser un atranco para deixarnos vivir a vida. 
De todo iso (e de moito máis) falan Encol da morte do Bieito, un relato de Rafael Dieste, e un conto transilvano adaptado por Ana Cristina Herreros.