Amosando publicacións coa etiqueta CREACIÓN LITERARIA. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta CREACIÓN LITERARIA. Amosar todas as publicacións

venres, 23 de maio de 2014

XADREZ, Icía Rodríguez Arias


XADREZ

   G-N RIV qui, G-N RIV rul, G-N RIV voc… G-N RIV que. Igual que nas dúas últimas veces que naquela semana visitara a biblioteca, o exemplar de ¿Qué me queres, amor? ficaba no estante, desafiante. Tomeino entre as mans con certa desesperación e aínda que no fondo sabía que sería inútil, abrino. Nada. Pasei as follas e non atopei nada. Nada a maiores das páxinas baleiras.
   Dende cativo, escoitaba as historias fantásticas nas que a miña avoa xeraba un universo alternativo para mergullarnos. Eu era un auténtico bibliófilo. Acudía á biblioteca coma quen acude a unha taverna. A barra libre de libros arringleirados permitíame saciar a miña sede de curiosidade, mitigar as miñas dores e axudarme cos meus problemas. A concentración podía case respirarse naquel templo do saber. Por moito que cambiasen as cousas, por moito que tivera que buscar un traballo a media xornada para costear os estudos, nunca deixei o meu vicio. Se algo cambiou a forma de ver a biblioteca, ese sería o día aquel no que collín o libro La insoportable levedad del ser de Milan Kundera.
   Era un día coma outro calquera, ía cos libros de historia, sentábame, e ao rato escollía con sumo coidado un exemplar dos andeis. Pero cando abrín o libro, atopei un papel alaranxado cun recendo dulzón.
  
   "Querido lector ou lectora,

    Ante a imposibilidade de atopar a alguén con quen compartir os meus gustos literarios diríxome a vostede. Gustaríame facerlle unha proposta, quizais, estrafalaria; dígame o que opina desta obra e propóñame outra. Proporcióneme o código do lombo, nada de títulos. A resposta deberá deixarse no lugar no que á atopou, e de haber varios exemplares o novo comunicado atoparase no exemplar máis antigo do libro proposto.

    A única regra será a discreción, deberá deixar a nota no seu libro e marcharse. Non intente presentarse ou establecer unha conversa.

    Con esperanza,
    Tareixa."
   
   Inundou o meu corazón unha forte empatía con aquela persoa, un vínculo puro aínda sen estar completamente seguro de se sería algún tipo de broma. Como non podía ser doutro modo, lin o libro, cantas veces ocorre algo así na vida de un? Resultou que Tareixa era o nome dunha das personaxes, e pregunteime a min mesmo se estaría a empregar un nick ou se ese sería o seu nome real. Iso so engadía misterio á beleza enigmática da nosa extraña relación. Cando eu pensaba nela imaxinábame a unha moza cun vestido verde e vaporoso, camiñando pola herba seca pola calor do verán, soñadora e algo bohemia. E eu, ao seu carón, rindo.
   Resposteina, dirixíndoa a Rayuela, de Julio Cortázar. Respostoume, Orgullo e prexuízo, de Austen. Joyce, Shelley, Baudelaire, Ruibal e outros moitos autores foron os nosos mensaxeiros. Era unha especie de xadrez, cada movemento era lento e estudiado. Con cada carta, compartíamos un pouco máis a nosa visión do mundo. Como era inevitable, paulatinamente falamos un pouco máis de nós mesmos. Eu rematei por preguntarlle o porqué da regra, posto que dentro do meu ser nacía unha inmensa curiosidade pola identidade de Tareixa, a rapaza do vestido verde vaporoso. A súa resposta foi: "Tomás, cuestionas todalas regras que se impoñen no teu dia a dia?".
   Pero eu precisaba algo máis. Non era a súa apariencia, non desexo que se me considere superficial. Eu precisaba saber que ela existía realmente. Endexamais dera con alguén que se implicara na literatura tanto coma min, con devoción e sen pedir nada a cambio.
   Guiado polos meus instintos, decidín un día agardar, disfrazado entre o resto de persoas da biblioteca, para poder confirmar as miñas sospeitas de que todo aquilo era algo máis que un soño. Cheguei de mañá cedo e pasei o día ocupado únicamente en semellar atarefado. Ao redor das catro da tarde, alí estaba, unha rapaza miúda de pelo escuro e longo, colleu Unha forma de vida. A miña moza de vestido verde levaba vaqueiros e un xersei. O seu rostro era pálido, as súas cellas definidas e densas, castañas. Os seus ollos, grandes e expresivos, revoloteaban por toda a estancia. Con algo de inquedanza, sentou nunha cadeira  moi próxima á miña. Os seus beizos carnosos curváronse nun cálido sorriso mentras lía a miña carta, con moita atención.
   Fiquei mirándoa, e caín na conta do meu erro. Eu violara a única norma da nosa relación, rompera a nosa promesa. Sentín a necesidade de sincerarme ante unha inmensa carga de culpa.
   —Tareixa, perdoa.—Susurrei.
   Ela levantouse, sen dicir nin unha palabra. Colleu o libro, e marchou pola porta, mentres eu, sorprendido pola súa indiferenza, permanecía inmóbil. Cando espertei da miña ensoñación fun trasdela, para explicarllo. Xa estaba lonxe e berrei o seu nome, pero ela foi incapaz de escoitarme.
   Na súa resposta, esquivou totalmente o tema. Fixo coma se nada ocurrise, coma querendo impoñer aquelas partidas de xadrez como única vía de comunicación. Eu estaba ferido, e facíame todo tipo de preguntas. Causaríalle unha mala impresión? Avergoñaríase da nosa relación? Atormentábanme estas cuestións, polo que no seguinte libro, abordei o tema de cheo. Conteille a miña versión dos feitos e pedinlle perdón, despois “enviei” a mensaxe seguindo o noso protocolo. Entenderíaa totalmente se non  era quen de desculparme.
   G-N RIV qui, G-N RIV rul, G-N RIV voc… G-N RIV que. Igual que nas dúas últimas veces que naquela semana visitara a biblioteca, o exemplar de ¿Qué me queres, amor? ficaba no estante, desafiante. Tomeino entre as mans con certa desesperación e aínda que no fondo sabía que sería inútil, abrino. Nada. Pasei as follas e non atopei nada. Nada a maiores das páxinas baleiras. Eu estaba baleiro.
Choquei a testa contra un estante. Cómo poidera ser tan desconsiderado?
   Entón decateime de que o rostro de Tareixa estaba ao outro lado da estantería. Eu permanecín quedo, mantendolle a mirada aos seus ollos de cor avelá. Con pequenos pasos de liliputiense bordeou o moble ata chegar onda min. Con linguaxe de signos, xesticulou o que eu despois sabería que significaba: "Véxote tódolos días ao chegar, Tomás. Eu quero unha relación de biblioteca, silenciosa. Entendes?"
   Colleu o libro que eu aínda sostiña entre as miñas mans, deume un bico nos beizos, e por fin, pechouno.

Icía Rodríguez Arias
[Accesit Premio MInerva 2014]

&
Chema Madoz