xoves, 31 de maio de 2018

ESCRITO EN CAFETERÍAS, Miguel Anxo Murado

MIGUEL ANXO MURADO, Escrito en cafeterías, Galaxia,Vigo, 2014, 196 páxinas.


   Un portaavións fabricado cunha aliaxe do metal fundido nas Torres Xemelgas, unha factoría de chalecos antibalas onde se dispara contra os traballadores para probas o xénero, un padriño da mafia afeccionado á música do Padriño de Coppola… Son algunhas das historias reais que nos contan estas páxinas de Miguel Anxo Murado, escritas en principio como columnas de prensa pero concibidas desde a perspectiva do escritor máis que do xornalista.
   O lector atopará aquí non tanto opinións como parábolas, paradoxos e reflexións sobre asuntos tales como a relación entre as epidemias e a solidariedade, os inconvenientes de abolición do Purgatorio ou o carácter máxico das mans dos políticos. Notas, en definitiva, arredor da actualidade e a vida que, como di o autor, «é como o emblema do teatro: unha máscara que ri e outra que chora».

mércores, 30 de maio de 2018

ENCONTRO CON MARÍA SOLAR






 





Martes, 29 de maio, 12,30h.
No Salón_de_Actos_con_columna_no_medio ( único no seu xénero, do máis característico do Aguiar :))
Tendo como mestra de cerimonias á nosa incombustible Elvira Castro , recibir a María Solar resultou un auténtico pracer para os que tivemos a fortuna de compartir con ela unha sesión do noso horario escolar: Recibindo coa súa visita un alento de alegría e entusiasmo no seu labor como periodista, como investigadora e mesmo como bióloga "reconvertida".
Escoitamos emocionados o labor que no lonxano século XVIII fixeron xente como Balmis ou o betanceiro Posse Roibanes para levar a vacina da variola a América. A epopeia de rapaces sacados da triste vida do hospicio para embarcalos nunha aventura de destino certamente perigoso, a figura de Isabel Zendal...

martes, 29 de maio de 2018

CONCURSO DE ESOPÍAS 2018

Fun a onde o vento
esapallaba os berros.
Vinte alí, morto.
Bramidos terribles,
ademáns triunfais. Por
ti, meu camarada, bebo
veleno da odiosa
vida.

Violeta Silva Sánchez 1º BAC D
[Referencia a Dian Fonsey, bióloga. Adicado a Digit, o seu gorila].

***
Sol e auga e vivir,
resucitan os tempos
mozos que traen
cadanseu atardecer.
Maldito desacougo que
no meu profundo iris
desexa un último
bico.

Manuel Barbeito Gabín 1ºA BAC
***
Sol e luar, a tarde
brillante, un debuxo
único ata noite
radiante. Debuxando
imaxino fantasías, que
co seu rexistro, fago
bailar ao pensar
sons.

Eveline Lucía Martín García 3ºD ESO
***
Era o soño e calma
esvarando na fazula
tensa das vidas
incertas, esgotadas,
ollando pantasmas sen
un rol definido pola
mirada ós outros
fins.
Lucas Mahía Vázquez 3ºC ESO
***
Que é amar? É acaso
abandonar as demais
ramas das nosas
emocións? Mataranos
esperar, engaiolar nas
ás das palabras: amor,
horror ou cariño.
Soño.
Emma Pérez Orgeira 2º C ESO
***
Dor e medo. O tempo
conxelado no pasado
volve. Nas malas
batallas olvidadas
nacerán destrozos que
de paz cubrirán esta
agonía de feltro.
Amén.
Lourdes Nieto Mantiñán 2ºC ESO 
 ***

Soy y vivo y sufro,
Escapando de deseos
Lejos del mundo,
Agachada, escondida,
perdida, malherida. Soy
lo que añoraste pero
quiero un futuro
real.
Valentina Silva Sánchez 2ºD ESO
***
Ela e Fina e Ramón 
traballan na escola. 
Ramón vai andar 
pouquiño. Camiñando 
fixéronse novatadas aos 
do mal encontro. 
Pasa sempre no bosque: 
medo. 

Alberto Blanco Gabín 2ºA ESO [Accésit]

luns, 28 de maio de 2018

HORA DE LER

HORA DE LER 

32ª SEMANA [2ª SESIÓN]

Vense aproximando, con xuño, o final do curso. 
As suxestións de lectura se amorean e case que non deixan ver!
Nesta semana, o poema co que Raquel Vázquez gañou o VIII Concurso de Creación Literaria de Betanzos na categoría libre, e un relato de José Luis Garci.

Ilustración: Tamara Feijoo

venres, 25 de maio de 2018

PRESAS FÁCILES, Miguelanxo Prado




 

Unha moi proveitosa tarde a que nos permitiu escoitar, da voz do propio autor, as motivacións que levaron a Miguelanxo Prado a crear Presas fáciles
Nós disfrutamos da lectura de máis de dous anos dun traballo que esixiu documentación (perfecto o respeto á verosimilitude) e invención.
É certo que Presas fáciles responde ás estratexias de composición do xénero policial, pero, nesta novela gráfica, o lector atopa un análisis socio-político da súa contemporaneidade, e, por iso, mesmo pode ser considerada unha obra de realismo social e denuncia política.
Unha historia sobre a vinganza como exercicio de reparación.
Despois de ter lido, no 2017 El arte de volar (Antonio Altarriba & Kim), e no 2018, Presas fáciles, queda reiterado o desexo de repetir a experiencia no próximo curso.



xoves, 24 de maio de 2018

ENCONTRO DO CLUB DE LECTURA BIBLOS AGUIAR CON MIGUELANXO PRADO

MIGUELANXO PRADO, Presas fáciles, El Patito Editorial, Santiago,  2016, 86 páxinas.


Mañá venres 25 o Club de Lectores Biblos Aguiar remata o seu curso 2017/2018.
Comezamos a ler a novela de William Maxwell, Vinieron como golondrinas; despois Morir en primavera de Ralp Rothmann, e mesmo coindimos con outros moitos Clubs de lectura na elección de El cuento de la criada, de Margaret Atwood.
Tivemos a sorte de conversar con Eli Ríos (Luns), Sergio del Molino (La mirada de los peces) e Marcos Calveiro (O xardineiro dos ingleses).
E esa tarde promete outro tanto o encontro con Migueanxo Prado.

mércores, 23 de maio de 2018

O FACEDOR DE TEATRO, Thomas Bernhard

THOMAS BERNHARD, O facedor de teatro, Galaxia, Vigo, 2017, 184 páxinas.

[TUG BER fac]

Un vello actor, Bruscón, xa no último chanzo da súa carreira, percorre as vilas pequenas, que salfiren os montes autríacos, cunha compañía integrada pola súa propia familia, como na mellor tradición dos cómicos da legua. Nunha vella taberna disponse a representar a peza máis importante da súa vida, titulada Roda da Historia. Mentres discute con uns e con outros por causa dos preparativos da función que van ofrecer, Brucón vai debullando os máis diversos argumentos, nos que abrolla unha visión aceda e irónica da vida. Finalmente, cando o pano se vai erguer, estouran lóstregos e tronos. Mentres, fóra, na invernía, a igrexa arde.

martes, 22 de maio de 2018

AS COUSAS QUE NON QUEREMOS OÍR, María Reimóndez

MARÍA REIMÓNDEZ, As cousas que non queremos oír, Xerais, Vigo, 2017, 496 páxinas.

[NG REI cou]


A Aurora gústalle correr. Se cadra é por iso que foxe con facilidade de tomar decisións e busca acubillo no sarcasmo contido. Dende que por fin puido regresar da Vilalba dos seus pais á Barcelona da súa infancia, o peso da orixe abre nela fendas que non sabe como xestionar. A proxección de si mesma na cidade, o rexeitamento e a vergoña, fan que por veces esqueza que foi en Vilalba, ese lugar que tanto detesta, onde coñeceu unha das persoas máis importantes da súa vida: a súa amiga Saínza. Dende a súa liña de saída torta, Aurora busca seguir correndo cara adiante sen matinar no percorrido, concentrada no seu traballo como xornalista de deportes e nos espazos dunha vida na que todo, en aparencia, está dentro do agardado. "As cousas que non queremos oír" explora o alleamento, os límites do corpo e a enfermidade, os afectos e a busca das certezas cando o mundo enteiro se esfarela. Porque de cando en vez a vida nos interroga sen que poidamos atopar respostas definitivas, máis que a forza de afondar na nosa propia debilidade para renacer.Nesta nova entrega do "Ciclo dos elementos", Reimóndez entrecruza os fíos das protagonistas de entregas anteriores cos de Aurora para continuar creando un universo literario único no que as lectoras son quen de compoñer tamén a historia a partir de cada unha das novelas independentes. Despois de "En vías de extinción", "A música dos seres vivos" e "Dende o conflito", "As cousas que non queremos oír" transita unha nova forma de enfrontarse á migración e o desprazamento e traza novas interaccións e perspectivas das personaxes xa coñecidas, como Gaia, MK ou Saínza Combarro.

luns, 21 de maio de 2018

HORA DE LER

HORA DE LER 

31ª SEMANA [1ª SESIÓN]

Lemos na ilustración de Ina Hristova: «escribir porque está cerca».
Nós lemos aos que están cerca: os textos gañadores do VIII Concurso de Creación Literaria de Betanzos na categoría ESO: Mariña Erias Castro [IES As Mariñas] e Rosalía Chunlian Vázquez Álvarez [CPR Atocha].
Os nosos parabéns ás escritoras, familias... e profesoras!!!





mércores, 16 de maio de 2018

ELEXÍAS DE LUZ, María Victoria Moreno

MARÍA VICTORIA MORENO, Elexías de luz, Xerais, Vigo, 2006, 102 páxinas.

[PG MOR ele]


Eu quero darche as grazas, meu amado,
mais grazas e palabra torpe e fría
para cantar en luz esta elexía
ó tempo de arredarme do teu lado.

Canto chorei por ti... O noso fado
foi unha crua e pérfida ironía:
matou o xeo negro ó sol do día
e o chumbo ardente ó aire sosegado.

Por seres auga e luz na cega sede
eu quero darche as grazas... Mais lamento
non ser verba de amor, música pura,

nin pomba morna que a friaxe alede,
nin faísca de orballo, luz de vento.

...Só silencio que treme en noite escura.

martes, 15 de maio de 2018

O SONO DAS SEREAS, Xosé A. Neira Cruz


XOSÉ A. NEIRA CRUZ, O sono das sereas, Galaxia, Vigo, 2017, 158 páxinas.

[NG NEI son]



XI Premio de Narrativa Breve Repsol 2017 

Á beira do areal de Traba, na Costa da Morte, unha igrexa garda un segredo insospeitado e terrible. Á sombra del, ao longo dos séculos de silencio e infortunio, as mulleres dunha mesma familia padeceron a condena de seren mortas en vida. As habitantes da Casa do Soño: velaí o nome polo que a súa morada é coñecida en toda a contorna. A hisotira que se agocha detrás dese lugar é un tabú que selou bocas e soldou medos ao longo de xeracións. Ninguén fai preguntas nind á máis palabras que as que, de vez en cando, a escape, se poden coar nalgunha rexouba repregada de inmediato coa forza coa que as mareas volven ao seu lugar de orixe. Sen deixar ningún atisbo certo ao descuberto. Só a chegada de tres estraños a ese mundo pequeno e atlántico, recollido en si coma nun embigo de pedra, permitrá desvelar a verdade. Unha verdade repleta de prexuízos e de supersticións tan estrañas e inesperadas como as sereas que aduban as paredes dese templo ancorado no tempo, dentro do cal latexa a marabilla, o misterio e a maldade.

luns, 14 de maio de 2018

HORA DE LER

HORA DE LER 


30ª SEMANA [6ª SESIÓN]

Unha proposta de lectura imprescindible: unha selección de poemas de María Victoria Moreno. Tamén queda á disposición dos lectores máis poesía (Manuel María), e  para os lectores que elixan a prosa, un relato da poeta e narradora tamén lucense Luisa Castro.  



Ilustración: portada de
MARÍA VICTORIA MORENO, O amor e as palabras, Urco, Santiago, 2018.

xoves, 10 de maio de 2018

EL NOVIO DEL MUNDO, Felipe Benítez Reyes

FELIPE BENÍTEZ REYES, El novio del mundo, Fundación José Manuel Lara, Sevilla, 2018, 624 páxinas.

[NC BEN nov]

A Fundación José Manuel Lara ten a feliz idea de reeditar a divertida historia do estrambótico e inesquecible Walter Arias.

mércores, 9 de maio de 2018

O XIGANTE DE PEDRA, Davide Morosinotto

DAVIDE MOROSINOTTO, Nemo, Xerais, Vigo, 2017, 192 páxinas.


[NUG MOR xig]

Segunda entrega das aventuras de Nemo, o príncipe indio que oculta o seu verdadeiro nome para protexer a súa vida e a dos seus dous novos amigos, Ashlynn e Daniel. Xuntos percorren Europa descifrando misterios e fuxindo dos seus inimigos, dos que polo de agora se deron salvado grazas á intelixencia pouco común de Nemo e á lealdade de Ashlynn e Daniel.Varios contendentes dispútanse Bundelkhand, e Nemo, para salvar o seu reino, terá que renunciar ao seu nome e cruzar o océano na procura dun misterioso tesouro. O príncipe de pel escura, arrastrado polas correntes, fuxirá lonxe. En compañía de Daniel, de Ashlynn e do seu inseparable can Nautilus, sobrevoará Europa a bordo da súa aeronave. Praga é a meta. Alí vive un rabino que talvez poida axudalo a descifrar o enigma necesario para atopar o tesouro. Pero terá que facelo antes de que Madame Zeta e os escarlatas acaben con eles.Un mundo de criaturas lendarias, gólems e símbolos misteriosos envolve a vida do príncipe indio e dos seus compañeiros de viaxe. Entrementres, a néboa cobre as calellas de Praga, do mesmo xeito que os segredos escurecen o pasado de Nemo e os detalles da súa perigosa misión.

martes, 8 de maio de 2018

LA CÁMARA VERDE, Martine Desjardins

MARTINE DESJARDINS, La cámara verde, Impedimenta, Madrid, 2018, 248 páxinas.

[NUC DES cam]


Tras as setenta e sete pechaduras desta casa escóndense as historias máis perturbadoras dos seus habitantes.

luns, 7 de maio de 2018

HORA DE LER

 

HORA DE LER 

29ª SEMANA [5ª SESIÓN]

O venres da semana pasada, grazas a todos os alumnos que secundaron a proposta do Departamento de Francés, rematamos a semana do modo máis doce. Agora, nesta, podemos estar a ler a Berta Dávila e a Triunfo Arciniegas, sentindo que estamos subidos, aínda,  nunha tarta.

Ilustración: Malota

venres, 4 de maio de 2018

CONCOURS DE DESERTS OU OUTRO MODO DE LEVAR LECTORES Á BIBLIOTECA











É certo que son moitos os alumnos que, no noso centro, cursan Francés como segunda lingua.
Aínda así, causounos moitísima sorpresa comprobar que aumenta, ano tras ano, o número de participantes, chegando a ser, neste 2018, arredor de cen o número de magníficos reposteiros.
Este éxito só pode ser o resultado do bo traballo das docentes (moitas grazas, Bea, moitas grazas, Inés) e a entusiasta implicación do alumnado e as SÚAS FAMILIAS.
MERCI À TOUS!!!

xoves, 3 de maio de 2018

VII SEMANA DA CIENCIA E DA TECONOLOXÍA: PROGAMANDO EN BASIC





 
Deixamos algunhas fotos do Proxecto creado por un equipo de 2º de la ESO supervisado pola profesora Mª del Pilar Mosquera Boutureira para a VII Semana da Ciencia e da Tecnología 2018 como homenaxe á monxa Mary Kenneth Keller.

Parabéns aos alumnos de 2º da ESO e a súa instigadora Pilar Mosquera!

Clicando nas ligazóns, comecemos a xogar!!!