mércores, 13 de decembro de 2017

LITTERATURE EN NOIR E LITERATURA EN NEGRO




J'accuse...!


 Eu acúsoche, a ti, ao home que me axudou coas bolsas do supermercado. A ti, que me mirabas con afán de posesión detrás da estantería. A ti, que sorrías con autosuficiencia cando as miñas amigas che dicían que eras o máis guapo de todos os meus mozos. A ti, que as desaprobabas a todas elas. A ti, que me dedicabas palabras doces antes de durmir e me mirabas ata ver como as miñas pálpebras se pechaban. A ti, que xogabas cun guecho do meu cabelo coma quen acaricia as crinas do seu cabalo. A ti, porque preferías saír comigo antes que con ninguén máis. A ti, que odiabas todas as miñas saias. A ti, que me traías rosas todos os venres. A ti, que rías e ridiculizabas as miñas películas románticas. A ti, que acudías sempre puntual a buscarme ao traballo. A ti e a todos os vasos que rompiches polos teus enfados ao non verme alí. A ti, que apresabas a miña man entre as túas cando falabas cos teus amigos. A ti, que me mirabas con desprezo se ría demasiado alto. A ti,e ás túas delicadas caricias. A ti, e aos teus bicos na miña pálpebra entumecida polos golpes. A ti, que ao pasar o teu polgar facías esvaecerse as miñas bágoas. A ti que poñías a man enriba do pomo cada vez que tentaba abrir a porta. A ti que me facías cóxegas ata que escachaba coa risa. A ti, e á primeira bofetada que me deches na festa de Ano Novo. A ti, que xogabas horas co noso fillo. A ti,que lle suxeitabas o ombreiro con poderío se quería entrar no baño despois dalgunha das nosas disputas. A ti, que pedías a miña axuda para coser un botón. A ti,que limpabas ofuscado o sangue do baño. A ti, que me dicías o bonita que era e a pouca necesidade que tiña de poñerme maquillaxe. A ti, que vías como cubría as miñas mazaduras. A ti que chorabas as primeiras veces que xurei que me iría. A ti, que rías cando camiñaba cara á porta un dos últimos días que pasamos xuntos. A ti, eu acúsoche. E dígoche que agora camiño pola rúa, coa tranquilidade de saber, que alí onde o meu portazo se oia, onde os meus suspiros se respiren, alí onde alguén comparta o meu pranto. Alí o teu reinado terá rematado. 

 Julia Nieto Mantiñán BAC [1ºD]

Ningún comentario:

Publicar un comentario