XENOFONTE E PSEUDO-XENOFONTE, Constitución dos lacedomonios e Constitución dos atenienses, Rinoceronte, Cangas, 2021, 68 páxinas.
***
TRADUCIÓN DO GREGO ANTIGO, INTRODUCIÓN E NOTAS JOSÉ FRANCISCO CALAZA FERNÁNDEZ
O século V a.n.e. é unha época de grande intensidade tanto a nivel político como cultural. É neste tempo cando empeza a xurdir a reflexión arredor do sistema político da democracia. As dúas obras que se presentan neste volume están compostas neste contexto histórico que constitúe a orixe no estudo do pensamento político grego. Os acontecementos históricos nos que se verán envoltas as distintas cidades–estado serán decisivos na historia de Grecia e terán grandes repercusións na posterior cultura occidental. Xenofonte considera que a Guerra do Peloponeso e os distintos acontecementos da segunda metade do século v serán a orixe de todos os males dese tempo. Na Constitución dos Lacedemonios, Xenofonte representa os ideais oligárquicos de Esparta á vista das consecuencias da Guerra do Peloponeso. O modelo que el propón baséase nas reformas instituídas por Licurgo. Na Constitución dos Atenienses, o autor analiza desde un punto de vista moi crítico o réxime da democracia partindo das bases do poder do estado ateniense que se configura durante a Pentecontencia, período que abrangue desde a derrota dos persas na Segunda Guerra Médica no 480 a.n.e. até o inicio da Guerra do Peloponeso, no 433 a.n.e. Presenta este modelo de goberno como un réxime eficaz pero corrupto ao mesmo tempo. O obxectivo do autor é chegar ao concepto de eunomía ou goberno dos mellores.
Ningún comentario:
Publicar un comentario