luns, 2 de xaneiro de 2023

LA COEDUCACIÓN SECUESTRADA, Silvia Carrasco Pons

SILVIA CARRASCO PONS (coord), La coeducación secuestrada. Crítica feminista a la penetración de las ideas transgeneristas en la educación, Editorial Octaedro, Madrid, 2022, 240 páxinas.
 

POR QUE HAI CADA VEZ MÁIS RAPAZAS QUE PREFIREN SER RAPACES? 

   O sexo é unha realidade biolóxica: hai mulleres e hai homes. O xénero, pola contra, é un construto social e cultural que constitúe a base do patriarcado: os estereotipos/roles de xénero (masculino: dominio, poder, inciciativa, azul, ágora, lóxica...; feminino: submisión, subordinación, dependencia, pasividade, rosa, fogar, dozura, sentimentalismo ...) son o principal instrumento para a perpetuación da desigualdade estrutural entre mulleres e homes. 

   Pero esta análise feminista, crucial e esclarecedora para varias xeracións ao longo de décadas, está sendo substituída por outra moi distinta que chega da man da ideoloxía queer/transxenerista: segundo ela o sexo non existe como realidade biolóxica obxectiva, senón que é algo “asignado ao nacer”; ou é un continuum, unha cuestión de grao entre dous extremos (un/ha podería ser por exemplo 33’3% muller, ou home, ou viceversa); ou é o mesmo que o xénero (os dous termos aparecen empregados como sinónimos en numerosos textos, mesmo de carácter legal); ou... E o xénero deixa de ser a construción social perpetuadora do patriarcado. Agora é unha realidade individual: a “identidade de xénero”. Agora ser muller ou ser home, ou calquera das múltiplas posibilidades intermedias, depende exclusivamente de como se sinta (desculpade, no que a min respecta, eu síntome Óscar case todo o tempo) a persoa. De tal xeito que se unha se sente home o que ten que facer, porque o denominado “enfoque afirmativo” sería o único admisible neste tipo de casos, é modificar o seu equivocado corpo feminino: a tan reivindicada “despatoloxización” o que supón na práctica é o sometemento a delicadas intervencións cirúrxicas e/ou terapias hormonais de por vida. O problema é que sentirse muller/home (que outra cousa podería significar?) consiste habitualmente en identificarse cos máis rancios estereotipos sexistas, os mesmos que o movemento feminista loita por eliminar, e que resultan deste xeito (paradoxicamente?) reforzados. Se unha rapaza é líder-rebelde-pelo curto-non fada-non princesa-non obediente, entón en realidade é un mozo trans cativo nun corpo equivocado. O problema é que as mozas que rexeitan os roles e estereotipos sexuais atopan no “cambio de xénero” unha falsa vía de escape á violencia directa ou indirecta que reciben constantemente. O problema é que algunhas rapazas adolescentes encontran na “transición de xénero” a “solución” aos seus problemas psicolóxicos, trastornos ou vivencias de violencia, sen teren mostrado rexeitamento polo seu corpo sexuado na primeira infancia ou antes de entraren en contacto coas redes sociais. 

   As ideas transxeneristas, apoiadas nunha suposta ampliación de dereitos a colectivos historicamente marxinados, penetraron xa nos centros de ensino e ameazan con invadir todos os compoñentes da acción educativa. No Protocolo educativo para garantir a igualdade, a non discriminación e a liberdade de identidade de xénero, actualmente en vigor, da Xunta de Galicia indícaselle ao profesorado que se, cito, “observa nun/ha alumno/a, manifestacións ou comportamentos repetidos e prolongados no tempo que revelen unha expresión de xénero ou identidade sexual que puidese non coincidir co sexo asignado ao nacer (sic, sic, sic) (...) debe informar á dirección do centro” (o resaltado é meu).

   Disimulade máis unha vez a mención autorreferencial, pero é que eu xa teño claro que debo informar á dirección do meu centro dun caso. O meu alumno preferido (cativo aínda en equivocado corpo de rapaza) escribiu hoxe os seguintes versos no seu caderno azul: 

Daquelas que cantan as pombas i as frores 

todos din que teñen alma de muller. 

Pois eu que n'as canto, Virxe da Paloma, 

¡ai!, ¿de qué a teréi? 

 

 Óscar García Ramos, docente no IES Francisco Aguiar de Betanzos

Ningún comentario:

Publicar un comentario