Contrabiografía é un artefacto literario culturalista e esixente.
Xabier López emprega unha voz autorial que intermedia co lector, que presencia, ben advertido, un relato que se vai cocendo ante os ollos do lector.
Para esta work in progress, que mellor estrutura que a da cebola, símbolo tamén dunha reminiscencia proustiana que leva ao lector ata obrador onde crepita o rustrido das empanadas.
Todos sabemos que o noso nacemento é un accidente. Procurar unha explicación a esa orixe esixe indagar sobre os nosos devanceiros, tarefa case sempre imposible para moitos de nós.
Ao longo desta novela, que reflexiona sobre en que consiste a construción dunha novela, sucédense diversas historias intercaladas que tentan a paciencia do lector, que deberá proseguir a camiñata da man do autor, para chegar a comprender que esta Contrabiografía podería ter sido titulada Cartobiografía.
Un dos méritos inequívocos de Xabier López é contar a historia da súa xénese familar á par que presentar unha xeografía física, literaria e sentimental sobre os camiñantes de todas as épocas que cruzaron e seguen a cruzar as pontes, todas as pontes.
E como a literatura sempre será unha ponte, agradecémoslle a Xabier López a profundidade das súas reflexións sobre a construción e as ruinas, o horror e a vinganza.
Será un pracer volver a coincidir lonxe de barbarie, nun lugar que si exista, non en calquera Bali-Hai.





Ningún comentario:
Publicar un comentario