A SEN CONTO
Non
quería ser princesa, non quería ser liberada polo príncipe azul.
Tampouco que o bico dun Príncipe a devolvese á vida; nin que a salvase
da explotación infantil, non quería esconderse na casa dos sete ananiños
e ser a súa criada ata que un príncipe a viñese rescatar. Non era capaz
de renunciar á súa voz polo amor dun mozo; nin esperaba que san Xurxo a
salvase do dragón. Nobres princesas condenadas a durmir ou ao silencio,
por orde dunha madrasta, dun pai ou dunha fada boa.
E
puxo os seus zapatos vermellos e fuxiu do seu conto, correu e correu
buscando refuxio ata converterse nunha sen conto. Era unha sen libro,
unha sen papeis, non a querían en ningures.
Nunha
casca de noz navegou polo Mar das Letras, e naufragou. Nadaba contra a
corrente, fortes ondas de frases afogábana, e cando se deu por vencida e
se abandonou á súa sorte, de súpeto salvouna a capitá Pippi Långstrump,
unha nena libre, xenerosa, que nunca se aburría, que se atrevía a
cuestionar o razoamento dos adultos. Acompañada por Matilda, navegaban
polo mar das letras para rescatar todos aqueles personaxes que se
aventuraban a cruzar o mar buscando un conto mellor. Heroínas con forte
sentido da xustiza e do deber de protexer os máis débiles.
Finalmente,
despois de moitos atrancos, chegaron a porto seguro, o Porto da
Biblioteca, o Paraíso do que lle falara Borges: un lugar cheo de
tesouros afundidos, como lle dixera Virginia Woolf; unha nave espacial
que a levaría aos recunchos máis afastados do universo; unha máquina do
tempo que a transportaría ao pasado máis remoto e ao futuro más
afastado; unha saída a unha vida mellor, máis feliz e máis útil, como
lle explicara Isaac Asimov. Un lugar onde non necesitaba ser princesa
para ser a protagonista de todos os contos.
Longa
vida ás bibliotecas, refuxio de todas, tamén das sen conto, das sen
libro, das sen papeis, das nenas que non queren ser princesas e dos
nenos que non queren ser heroes. Longa vida aos bibliotecarios e
bibliotecarias, gardiáns do Paraíso, de máquinas do tempo e de grandes
tesouros como son os libros.
Texto: Gemma Pasqual
Cartel: Miguel Calatayud
Tradución: Héctor Cajaraville