martes, 19 de novembro de 2013

A NETA DO SEÑOR LINH, Philippe Claudel

PHILIPPE CLAUDEL, A neta do señor Linh, Rinoceronte, Cangas, 2010, 120 páginas

**********

OFELIA E A NETA DO SEÑOR LINH

    —Bo día Ofelia.
    —Tao-lai, Carme.

   Un sorriso cálido e cómplice esvarou dos ollos da profesora de lingua ata ficarlle pousado nos beizos:
    —Vexo que ti tamén caíches Ofeliña, pois agarda a chegares ao final …

   Non sabía Carme ata que punto, abofé que caera! Pero quen carafio lle mandaba a ela poñerse a ler o libro aquel? Claro que era tan tentador, alí pousado na conserxería, xa tres días agardando que alguén viñese recollelo, e non viña. Non puidera evitar abrilo … E nese mesmo intre comezara a instalarse o asombro.  O primeiro, antes de dar lido unha frase sequera, foron os olores: de súpeto o cuarto da conserxería enchérase dunha mestura de aromas vexetais, exóticos, a selva virxe, que como fitas de cores xogaban a perseguirse e enleábanse coas fórmulas químicas e os apuntamentos de bioloxía que rítmica e indiferente cuspía a fotocopiadora. A seguir, mentres Ofelia mergulla na historia do señor Linh, ese vello que o perdeu todo, que ficou só, exiliado nunha terra estraña por mor da guerra, mais cun amor inmenso pola súa neta de poucos meses, o único que lle dá motivo e forzas para seguir con vida; mentres Ofelia aloumiña coa súa ollada húmida a faciana do vello, arredor súa continúa a debullarse o abraio: agora é terra, unha terra agre e queimada, con olor a napalm, a que penetra no cuarto e se encara cos libros de historia, como pedindo explicacións. Despois unha fermosa canción de berce, deluvada nunha lingua doce e descoñecida para ela, reborda tremendo dos labios de Ofelia.
   “Agarda a chegares ao final”. O malo sería que agora que xa está acabando o libro, agora que o señor Linh atopou un amigo verdadeiro nesa terra cruel e estraña, e vai fuxir coa súa neta do sitio onde os teñen encerrados, para reencontrárense con el …
    —Tao-lai Ofelia, viña recoller un libro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario