xoves, 5 de maio de 2016

COUSAS, Alfonso R. Castelao

ALFONSO R. CASTELAO, Cousas, Galaxia, Vigo, 2000, 128 páxinas.


[NG CAS cou]

   No escuro caletre de Martiño buleu sempre un verme de luz. Martiño arelaba ser dono do campanario da eirexa.
   Criouse ó rabo do sancristán para gana-la súa vountade e medrando, medrando, chegou a sineiro porque Martiño era parvo e dáballe por tangue-las campás.
   Nos primeiros, Martiño escorrentaba rapaces. Despois a porta do campanario, decote aberta, apareceu cun tarabelo. De a pouco Martiño púxolle un ferrollo e meteuse dentro.
   Foi así corno Martiño entrou solermiñarnente en posesión do campanario da eirexa e fixo dil a súa casa e das campás a ferramenta con que traballaba para si.
   Os rapaces endexamais lle concedémo-lo dereito de mandar no campanario e disputámosllo con xenreira e con medo, pois quen lle facía unha pagáballe dúas cando entraba na eirexa, que viña sendo a rateira onde Martiño atrapaba rapaces.
   Adoecidos corno estábamos por rubir ó campanario, o noso maxín non acougaba maquinando cousas. Un día inventamos tan boa iñorma que logramos entrar. Nin que decir ten que na “casa” do probe Martiño non deixamos cousa enteira nin san. E foi entón cando Martiño comenzou a engaiolarnos para se vingar.
   Sentados a plan no adro, contábanos Martiño, con voz medoñenta, as cousas acontecidas no campanario, cando as ánimas da Santa Compaña pasaron por riba do seu peito, cando unha noite repinicaron as campás e foi ver quen as tanguia e recibeu unha labazada… Nós non bulíamos escoitando aparvados os contos de Martiño, e, cando a noite pechaba, morríamos de medo.
   A vinganza de Martiño foi tal que aínda hoxe eu estouna padecendo nestes medos que me dan.


Ningún comentario:

Publicar un comentario