sábado, 24 de outubro de 2020

HORA DE LER

 

O pasado sábado 24 celebramos o Día da Biblioteca.

Hoxe, tendo entre as mans os relatos de Ana María Matute ou Stephen Dixon, podemos terStephen Dixon, podemos recordar as palabras da literata arxentina Jeannette L. Clariond: «Somos cando comezamos a leer. Existimos cando aprendemos a lernos». 

Lendo somos libres, somos libro.

DÍA DA BIBLIOTECA


 

#DíaDasBibliotecas #SempreAoTeuCarón 
 
 

    Unha biblioteca é un mapa do mundo onde cada individuo ten unha camisa mnemónica, chea de sutís trazos, códigos indescifrables, segredos para lubricar a alma, tónicos para a intelixencia e máquinas da mente con que nutrir a vesania. 
   Unha biblioteca é unha paisaxe, chea de harmonía, onde, en ocasións, as nubes non deixan ver o ceo, e unha floresta verde e luxuriante, inzada de perigos, que pon asombro e medo, o pánico estarrecedor e a atracción morbosa que infunde o caos.
   Unha biblioteca tamén é unha xerarquía, onde ningún individuo ten o mesmo valor, nin o mesmo peso, nin inspira o mesmo afecto ca outro. 
   Nunha biblioteca, o poeta, inspiradísimo, conversaba cos difuntos e escoitaba cos ollos os mortos, pois, ante todo, unha biblioteca é un sanctasanctórum onde toda metáfora ten asento, toda reverencia espazo, ocasión todo coñecemento, toda luz e toda sombra o seu momento. Hai, entre as pantasmas e saudades do tempo, deambulando entre vellos mamotretos e volumes estantarelados, un cativo de pelo roxo que lembra, cunha melancolía espesa como o mel de montaña, o arrecendo dunha biblioteca pública onde vivían Haddock e Tintín, Marsupilami, Jean Valjean, o último dos mohicanos, Asurancetúrix e a galaxia infinita da Enciclopedia Espasa. Acaso o cativo coceu o seu amor aos libros ao lume de merendas de pan de molete e chocolate duro, no mundo en branco e negro dun universo escaso e municipal, malia unidades de destino chamadas a máis grandes alcances.
   Unha biblioteca é, segundo se escoite, un coro de afinadas voces, nobres e sublimes, erguidas ao ceo como columnas de basalto, ou o pandemonio de milleiros de alaridos desgarrados, as voces do averno e do sufrimento. 
   Latexa nunha biblioteca o consello dos amigos, verdadeiros uns, prudentes e asisados, falsos e mentireiros outros, dobres como un espellismo. 
   Unha biblioteca vive espiritualmente, palpita e medra na medida do amor de quen a alimenta, como as plantas en maceta. Non existe armadura electrónica nin bastidor tecnolóxico capaces de conter tanta vida nin de alentar tanto sentimento, pois, tal que ocorre con todo o que é único, fermoso e imperfecto, unha biblioteca está chamada a desaparecer. Como os escravos no mundo antigo, tamén as bibliotecas se herdan e, tamén como os escravos, os seus individuos agardan unha manumisión que tal vez nunca chegue.
 

mércores, 21 de outubro de 2020

CONCURSO DE [MICRO] RELATOS DE TERROR


O Equipo da Biblioteca Sebastián Buedo Jiménez organiza un concurso de relatos e, por iso, tamén encaixan os microrrelatos: son tantos os expertos e as expertas que dominan as estratexias narrativas de condensación!
 
Unha antoloxía dos mellores textos constituirá a proposta de lectura na primeira semana de novembro.
 
Probablemente, haberá outros agasallos, entre os que non poderán faltar os caramelos.

***

Recepción dos traballos:

a) bibliofranciscoaguiar@gmail.com [Asunto: Concurso de relatos de terror] Doc anexo.
 
b) profesorado de Lingua galega e Lingua castelá.

luns, 19 de outubro de 2020

HORA DE LER


 

 

HORA DE LER

2ª SEMANA [2ª SESIÓN]

 

Cavilando, pode ser, sobre as mesmas sensacións que a lectora pintada por Shelley Thayer Layton, repensamos esas palabras lidas nos textos de Almudena Grandes ou Miguel-Anxo Murado, para volver aos misterios que tornan en algo tan real toda ficción.

martes, 13 de outubro de 2020

O ALUMNADO DE 1º DE ESO CONTRA A COVID

Na páxina web do IES levan tempo colgados o Plan de Adaptación á situación COVID-19 e o Plan de Continxencia, pero que ben explican as rapazas e rapaces de 1º de ESO as rutinas que permiten convivir nun instituto máis seguro.

Parabéns ao traballo da rapazada e da súa profesora Belén Iglesias!
 

HORA DE LER

 


HORA DE LER

1ª SEMANA [1ª SESIÓN]

 

Como ven sendo costume desde fai tantos anos xa, retornamos a ler, adicando os quince primeiros minutos da primeira sesión. Cada lectora ou lector pode traer da súa casa un libro, unha revista ou novela gráfica...

Para os que esquecezan traerlos (ou para os que acepten o reto) quedan dúas suxestións de lectura: unha selección de poemas de Wislawa Szymborska e outra pequena antoloxía de Louise Glück, as dúas últimas poetas merecedoras do Premio Nobel de Literatura (Symborska en 1996, Glück no 2020): poesía transparente para tempos de pandemia e mascarillas.

 

Ilustración: Fernando Vicente

xoves, 8 de outubro de 2020

HORA DE LER

 


O próximo martes 13 comeza 
 
HORA DE LER. 
 
Durante os quince primeiros minutos da primeira sesión os alumnos de ESO poden ler os libros, comics, revistas que traian da súa casa.
 
Tamén estarán á disposición do alumnado e profesorado en ALTO RISCO e na páxina web, polo menos, dúas suxestións semanais de lectura.

mércores, 7 de outubro de 2020

NA ESTRADA, Jack Kerouac

CHEGOU AOS NOSOS OÍDOS (E XA VIBRA NAS NOSAS MANS...)
O escritor, periodista e tradutor Xesús Fraga ven de publicar a versión ao galego dun fito da narrativa universal do século XX: On the road, de Jack Kerouac. 
Afortunadamente, xa podemos contar con esta «biblia da xeración beat» nos estantes da nosa biblioteca. 
 
Conecín a Dean pouco despois de separármonos a miña muller e mais eu. Viña de superar unha doenza grave da que agora non me peta falar, agás que estaba relacionada con aquela triste e tan fatigosa separación e a miña impresión de que todo estaba morto. 
 
I first met Dean not long after my wife and I split up. I had just gotten over a serious illness that I won’t bother to talk about, except that it had something to do with the miserably weary split-up and my feeling that everything was dead.
 
 

Fai varios días Xesús Fraga respondía ás preguntas de La Voz de Galicia sobre a súa versión de On the road e falaba dos seus proxectos, ente os que conta o seu desexo de poder presentar Virtudes (e misterios), libro do que vai a saír próximamente a súa segunda edición.

venres, 2 de outubro de 2020