venres, 30 de xullo de 2021

ESTA NON É MANEIRA... Nieves Calviño Santiso

Durante máis de trinta anos, Nieves Calviño Santiso acudiu á oficina do Aguiar co sorriso de quen chega cedo ao comezo dunha festa. Atendeu con boa disposición, amabilidade, cordialidade e vocación de servicio ás familias e alumnado. Nalgunhas ocasións, lidiou cos profesores con elegancia, poderío e, en todas as circunstancias, renunciando, con moita discreción, ao emprego do estoque.

Hoxe venres 30 de xullo veu traballar por última vez e, sendo un día non lectivo, non puido recibir as merecidas mostras de afecto de todos os compañeiros, dado que para moitos será unha sorpresa coñecer esta noticia.

Poderíamos decirlle como Leonard Cohen: Hey, That's No Way to Say Goodbye, pero Nieves non marchará nunca do noso IES. 
Deixa latexando nos nosos corazóns o pouso da súa alegría de vivir e a súa bonhomía!

venres, 9 de xullo de 2021

CHEGOU AOS NOSOS OÍDOS...MAY VILS


CHEGOU AOS NOSOS OÍDOS
 

A moi boa música da nosa moi creativa exalumna May Vils...

No número de xullo Laura Gestal entrevista a May Vils dando conta das últimas grabacións ás que podemos desde as plataformas de SoundcloudAmazon ou mesmo en Spotify.

 

Como advirte na entrevista, contou para o vídeo Te extraño coa axuda da súa amiga Raquel e algunha que outra compañeira que tamén paseou a súa sensibilidade e admirable rebeldía polas nosas aulas.

 

Parabéns a todas estas mulleres talentosas e, en particular, a esta emerxente artista: May Vils.

xoves, 8 de xullo de 2021

CONSECUENCIAS, Óscar García Ramos

ÓSCAR GARCÍA RAMOS, Consecuencias, Calderón, Malpica, 2021. 

 

O equipo da Biblioteca do IES Francisco Aguiar congratúlase de poder anunciar que, este poemario do noso compañeiro Óscar García Ramos, Gañador do XXIV Premio de poesía Francisco Añón | (2020), está xa a disposición dos lectores nun lugar preferente da Biblioteca Sebastián Buedo Jiménez.

 

 

Ollando as consecuencias do bacilo 

que como teipa no meu peito fura 

resulta inoportuna esta textura 

de mina de grafiito que destilo 

 

O tempo intercostal en que cavilo 

non deita mandarinas mais escura 

materia saturada de tristura 

nostálxica humidade en peristilo 

 

Achado pernicioso este cordame 

de negras cavidades que vulnera 

que fai do leit-motiv motivo infame 

 

mesquino cando o poeta quixera 

tomar en efusión este derrame 

tirar a soidade que lacera.