Amosando publicacións coa etiqueta DAVIDE MOROSINOTTO. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta DAVIDE MOROSINOTTO. Amosar todas as publicacións

mércores, 9 de maio de 2018

O XIGANTE DE PEDRA, Davide Morosinotto

DAVIDE MOROSINOTTO, Nemo, Xerais, Vigo, 2017, 192 páxinas.


[NUG MOR xig]

Segunda entrega das aventuras de Nemo, o príncipe indio que oculta o seu verdadeiro nome para protexer a súa vida e a dos seus dous novos amigos, Ashlynn e Daniel. Xuntos percorren Europa descifrando misterios e fuxindo dos seus inimigos, dos que polo de agora se deron salvado grazas á intelixencia pouco común de Nemo e á lealdade de Ashlynn e Daniel.Varios contendentes dispútanse Bundelkhand, e Nemo, para salvar o seu reino, terá que renunciar ao seu nome e cruzar o océano na procura dun misterioso tesouro. O príncipe de pel escura, arrastrado polas correntes, fuxirá lonxe. En compañía de Daniel, de Ashlynn e do seu inseparable can Nautilus, sobrevoará Europa a bordo da súa aeronave. Praga é a meta. Alí vive un rabino que talvez poida axudalo a descifrar o enigma necesario para atopar o tesouro. Pero terá que facelo antes de que Madame Zeta e os escarlatas acaben con eles.Un mundo de criaturas lendarias, gólems e símbolos misteriosos envolve a vida do príncipe indio e dos seus compañeiros de viaxe. Entrementres, a néboa cobre as calellas de Praga, do mesmo xeito que os segredos escurecen o pasado de Nemo e os detalles da súa perigosa misión.

martes, 16 de maio de 2017

NENO, Davide Morosinotto

DAVIDE MOROSINOTTO, Nemo, Xerais, Vigo, 2017, 200 páxinas.

[NUG MOR nem]

   A obra de Jules Verne non só é engaiolante de seu, senón que dende a súa aparición inspirou incontables recreacións, homenaxes ou parodias, nun fenómeno semellante ao que pode acontecer con Sherlock Holmes, o detective-consultor creado por Arthur Conan Doyle. De todos os personaxes saídos do maxín do escritor francés, sen dúbida o capitán Nemo é un dos máis celebrados; a súa vinculación coa ría de Vigo, narrada en Vinte mil leguas baixo dos mares, tamén o incorporou ao imaxinario da literatura galega.
   Agora publícase nesta lingua a achega do escritor e xornalista italiano Davide Morosinotto, autor dun bo número de títulos para lectores mozos. Nemo. O rapaz sen nome pescuda na infancia do enigmático personaxe verniano, xa que unha das habilidades do francés, a de suxerir un pasado para o capitán pero sen acabar de revelalo, xoga aquí a favor de quen se dedique a fabulalo pola súa conta. Deste xeito, a acción sitúanos en 1829 -a do libro orixinal de Verne transcorre en 1866- no porto francés de Le Havre. Alí un rapaz alto e moi fraco será recollido para que un coche de cabalos o leve a un exclusivo colexio nas aforas de París. No centro educativo este mozo, de quen ninguén coñece o seu verdadeiro nome, fará amizade con Ashlynn Taylor Woodsworth, filla dun magnate norteamericano do aceiro, e con Daniel, quen na súa condición de antigo acróbata traballa ao servizo do colexio do que os outros son alumnos. 

Xesús Fraga, La Voz de Galicia, 12 de xaneiro de 2017.