[NUG MOR nem]
A obra de Jules Verne non só é engaiolante de seu,
senón que dende a súa aparición inspirou incontables recreacións,
homenaxes ou parodias, nun fenómeno semellante ao que pode acontecer con
Sherlock Holmes, o detective-consultor creado por Arthur Conan Doyle.
De todos os personaxes saídos do maxín do escritor francés, sen dúbida o
capitán Nemo é un dos máis celebrados; a súa vinculación coa ría de
Vigo, narrada en Vinte mil leguas baixo dos mares, tamén o incorporou ao imaxinario da literatura galega.
Agora publícase nesta lingua a achega do escritor e
xornalista italiano Davide Morosinotto, autor dun bo número de títulos
para lectores mozos. Nemo. O rapaz sen nome
pescuda na infancia do enigmático personaxe verniano, xa que unha das
habilidades do francés, a de suxerir un pasado para o capitán pero sen
acabar de revelalo, xoga aquí a favor de quen se dedique a fabulalo pola
súa conta. Deste xeito, a acción sitúanos en 1829 -a do libro orixinal
de Verne transcorre en 1866- no porto francés de Le Havre. Alí un rapaz
alto e moi fraco será recollido para que un coche de cabalos o leve a un
exclusivo colexio nas aforas de París. No centro educativo este mozo,
de quen ninguén coñece o seu verdadeiro nome, fará amizade con Ashlynn
Taylor Woodsworth, filla dun magnate norteamericano do aceiro, e con
Daniel, quen na súa condición de antigo acróbata traballa ao servizo do
colexio do que os outros son alumnos.
Xesús Fraga, La Voz de Galicia, 12 de xaneiro de 2017.
Ningún comentario:
Publicar un comentario