Amosando publicacións coa etiqueta ÓSCAR GARCÍA RAMOS. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ÓSCAR GARCÍA RAMOS. Amosar todas as publicacións

luns, 2 de xaneiro de 2023

LA COEDUCACIÓN SECUESTRADA, Silvia Carrasco Pons

SILVIA CARRASCO PONS (coord), La coeducación secuestrada. Crítica feminista a la penetración de las ideas transgeneristas en la educación, Editorial Octaedro, Madrid, 2022, 240 páxinas.
 

POR QUE HAI CADA VEZ MÁIS RAPAZAS QUE PREFIREN SER RAPACES? 

   O sexo é unha realidade biolóxica: hai mulleres e hai homes. O xénero, pola contra, é un construto social e cultural que constitúe a base do patriarcado: os estereotipos/roles de xénero (masculino: dominio, poder, inciciativa, azul, ágora, lóxica...; feminino: submisión, subordinación, dependencia, pasividade, rosa, fogar, dozura, sentimentalismo ...) son o principal instrumento para a perpetuación da desigualdade estrutural entre mulleres e homes. 

   Pero esta análise feminista, crucial e esclarecedora para varias xeracións ao longo de décadas, está sendo substituída por outra moi distinta que chega da man da ideoloxía queer/transxenerista: segundo ela o sexo non existe como realidade biolóxica obxectiva, senón que é algo “asignado ao nacer”; ou é un continuum, unha cuestión de grao entre dous extremos (un/ha podería ser por exemplo 33’3% muller, ou home, ou viceversa); ou é o mesmo que o xénero (os dous termos aparecen empregados como sinónimos en numerosos textos, mesmo de carácter legal); ou... E o xénero deixa de ser a construción social perpetuadora do patriarcado. Agora é unha realidade individual: a “identidade de xénero”. Agora ser muller ou ser home, ou calquera das múltiplas posibilidades intermedias, depende exclusivamente de como se sinta (desculpade, no que a min respecta, eu síntome Óscar case todo o tempo) a persoa. De tal xeito que se unha se sente home o que ten que facer, porque o denominado “enfoque afirmativo” sería o único admisible neste tipo de casos, é modificar o seu equivocado corpo feminino: a tan reivindicada “despatoloxización” o que supón na práctica é o sometemento a delicadas intervencións cirúrxicas e/ou terapias hormonais de por vida. O problema é que sentirse muller/home (que outra cousa podería significar?) consiste habitualmente en identificarse cos máis rancios estereotipos sexistas, os mesmos que o movemento feminista loita por eliminar, e que resultan deste xeito (paradoxicamente?) reforzados. Se unha rapaza é líder-rebelde-pelo curto-non fada-non princesa-non obediente, entón en realidade é un mozo trans cativo nun corpo equivocado. O problema é que as mozas que rexeitan os roles e estereotipos sexuais atopan no “cambio de xénero” unha falsa vía de escape á violencia directa ou indirecta que reciben constantemente. O problema é que algunhas rapazas adolescentes encontran na “transición de xénero” a “solución” aos seus problemas psicolóxicos, trastornos ou vivencias de violencia, sen teren mostrado rexeitamento polo seu corpo sexuado na primeira infancia ou antes de entraren en contacto coas redes sociais. 

   As ideas transxeneristas, apoiadas nunha suposta ampliación de dereitos a colectivos historicamente marxinados, penetraron xa nos centros de ensino e ameazan con invadir todos os compoñentes da acción educativa. No Protocolo educativo para garantir a igualdade, a non discriminación e a liberdade de identidade de xénero, actualmente en vigor, da Xunta de Galicia indícaselle ao profesorado que se, cito, “observa nun/ha alumno/a, manifestacións ou comportamentos repetidos e prolongados no tempo que revelen unha expresión de xénero ou identidade sexual que puidese non coincidir co sexo asignado ao nacer (sic, sic, sic) (...) debe informar á dirección do centro” (o resaltado é meu).

   Disimulade máis unha vez a mención autorreferencial, pero é que eu xa teño claro que debo informar á dirección do meu centro dun caso. O meu alumno preferido (cativo aínda en equivocado corpo de rapaza) escribiu hoxe os seguintes versos no seu caderno azul: 

Daquelas que cantan as pombas i as frores 

todos din que teñen alma de muller. 

Pois eu que n'as canto, Virxe da Paloma, 

¡ai!, ¿de qué a teréi? 

 

 Óscar García Ramos, docente no IES Francisco Aguiar de Betanzos

domingo, 17 de outubro de 2021

PRESENTACIÓN DE CONSECUENCIAS, Óscar García Ramos

 

CHEGOU AOS NOSOS OÍDOS

Presentación do libro do noso compañeiro Óscar García Ramos, Consecuencias, [Calderón, Malpica, 2021], gañador do XXIV Premio de poesía Francisco Añón | (2020).

Na presentación [Libraría Biblos, 19:30] estará acompañado por Xosé Luis Mosquera. 

Poesía ao cadrado.



    Óscar García Ramos e Xosé Luís Mosquera indagaron onte no complexo universo de “Consecuencias”, o poemario do que é autor o primeiro e que onte presentou o segundo na libraría Biblos de Betanzos. Ambos se manexaron con humor encomiable por un mar de referencias para achegarnos á parte máis afastada desta lectura, que foi merecedora do XXIV Premio Francisco García Añón. O libro está publicado por Caldeirón, nunha edición limitada e numerada á man que podedes atopar en Biblos. No acto participou asemade o editor, Eduardo Estévez.

Carmela González

xoves, 8 de xullo de 2021

CONSECUENCIAS, Óscar García Ramos

ÓSCAR GARCÍA RAMOS, Consecuencias, Calderón, Malpica, 2021. 

 

O equipo da Biblioteca do IES Francisco Aguiar congratúlase de poder anunciar que, este poemario do noso compañeiro Óscar García Ramos, Gañador do XXIV Premio de poesía Francisco Añón | (2020), está xa a disposición dos lectores nun lugar preferente da Biblioteca Sebastián Buedo Jiménez.

 

 

Ollando as consecuencias do bacilo 

que como teipa no meu peito fura 

resulta inoportuna esta textura 

de mina de grafiito que destilo 

 

O tempo intercostal en que cavilo 

non deita mandarinas mais escura 

materia saturada de tristura 

nostálxica humidade en peristilo 

 

Achado pernicioso este cordame 

de negras cavidades que vulnera 

que fai do leit-motiv motivo infame 

 

mesquino cando o poeta quixera 

tomar en efusión este derrame 

tirar a soidade que lacera.

martes, 9 de marzo de 2021

TROVEI PRA TI UM SONETO, Óscar García Ramos

ÓSCAR GARCÍA RAMOS, Trovei pra ti um soneto, Urutau, Poio, 2020, 58 páxinas.

 


 

NUNHA AULA EN SILENCIO


A toda/os as profes que non


Roubándolle as eclipses aos paxaros

nas glotes numeradas acontece

silencio de cronopios que ofrece

heurísticas leccións de desamparo


Levando a autoridade como faro

debullan taxonómicas sandeces

declina ‘orixinal’ quiñentas veces

curiosidade rima con descaro


Fanada escuma das metamorfoses

liturxia dos letargos alitera

performance do silencio en esclerose


que soños e devezos eviscera

No lombo da silenciosa necrose

o verbo non ganduxa xa quimeras


    Sonetos. En aparencia unha sinxela arquitectura a base de hendecasílabos. Hendecasílabos? Agora entendo ben o que significa meterse en camisa de once varas! Agora comprendo que dicir sonetos é o mesmo que dicir física cuántica, estar vivo e morto ao mesmo tempo, simultáneamente subir e baixar a escaleira. Que sibilino Óscar García Ramos! Non é un poeta, non, é máis do que iso: un xadrecista poeta!!! E tardei en compréndelo, ou sexa, tardei máis do debido e non tiven xa escapatoria. Cando quixen remexerme xa me tiña atrapado no seu taboleiro de sonetor en posición de xaque mate. É por isto que o que aquí escribo, caro lector, vén sendo unha advertencia. Atención pois con este autor que se nos achega sen sentilo e nos musita case sen querer, cunha súa expresión de tímido atrevemento, algo tan indecente como “Trovei pra ti un soneto”. Xa non tes nada que facer, xa es o gato metido na caixa. 

   Cos seus cuartetos (ou sirventeses) e tercetos vai tramando pouco a pouco a súa orixinal visión poética, un seu universo que vai expandíndose case imperceptibelmente con ese ritmo repetitivo ABBA etc., coas súas sutilezas ou pequeñas variacións, con constancia, con paciencia. Para que présas! Total xa estamos mortos (maldito e bendito Óscar!). 

   E si, aquí estou eu definitivamente derrotado intentando escribir sobre cousas das que nada sei porque non sabía que non sabía nada délas. Non sabía que nada sabía de sonetos (sonetor) nin sabía que nada sabía de xadrez e, moito peor, non sabía que Óscar quería que eu escribise aquí precisamente por iso, porque el si sabía que eu nada sabía. En fin, puro Schrodinger, e se non, puro Cheshire, e, en último caso, gato galego e punto. 

   Tardei en ver o taboleiro, as pezas, os movementos, o xogador... Cego! Pero aínda así non era escusa, tamén Borges, e que ben viu. Os sonetos de Borges, o seu xadrez de hendecasílabos. E entón —xa vos dixen, era tarde!— comecei a entender: a Maga, os seus movementos de cabalo de xadrez, de torre (Cortázar dixit); Pizarnik, dispoñendo os días como fronte a un taboleiro de xadrez; por que non tamén esa partida mar xista, esa loita de contrarios (brancas e negras)? Por que non, radicalmente, esa partida definitiva entre a presenza e a ausencia, entre a vida e a morte? 

XOSÉ LUÍS MOSQUERA CAMBA

luns, 16 de novembro de 2020

HORA DE LER


HORA DE LER

6ª Semana [6ª sesión]

Paisaxe outonal.  Unha folla de pradairo para lembrar onde temos que recomezar a lectura de obras como as de as obras de Paula Sánchez Regueiro, Violeta Silva Sánchez, Amaia Tomé ToméRaquel Vázquez ou Óscar García Ramos.

Que mellor proposta de lectura que as obras literarias que os nosos lectores saben escribir....  

luns, 13 de maio de 2019

luns, 25 de maio de 2015

HORA DE LER

HORA DE LER

31ª SEMANA [1ª SESIÓN]

    Esta semana comeza con varios moitos motivos de xúbilo.
   O primeiro: o venres recolleron os seus premios literarios as alumnas Paula Sánchez Regueiro, Violeta Silva Sánchez e Amaia Tomé Tomé.
   O segundo: o martes celebraremos a derradeira reunión do Club de Lectura nun Locus amoenus que nos permitirá emular a lectora de Henri Lebasque.
   Que mellor proposta de lectura as obras literarias que os nosos lectores saben escribir: entre as margaridas do xardín quedan un poema (tamén premiado) de Óscar García Ramos e esta antoloxía de greguerías de alumnos de 4º da ESO.