A SEN CONTO
Non quería ser princesa, non quería ser liberada polo príncipe azul. Tampouco que o bico dun Príncipe a devolvese á vida; nin que a salvase da explotación infantil, non quería esconderse na casa dos sete ananiños e ser a súa criada ata que un príncipe a viñese rescatar. Non era capaz de renunciar á súa voz polo amor dun mozo; nin esperaba que san Xurxo a salvase do dragón. Nobres princesas condenadas a durmir ou ao silencio, por orde dunha madrasta, dun pai ou dunha fada boa.
E
 puxo os seus zapatos vermellos e fuxiu do seu conto, correu e correu 
buscando refuxio ata converterse nunha sen conto. Era unha sen libro, 
unha sen papeis, non a querían en ningures.
Nunha
 casca de noz navegou polo Mar das Letras, e naufragou. Nadaba contra a 
corrente, fortes ondas de frases afogábana, e cando se deu por vencida e
 se abandonou á súa sorte, de súpeto salvouna a capitá Pippi Långstrump,
 unha nena libre, xenerosa, que nunca se aburría, que se atrevía a 
cuestionar o razoamento dos adultos. Acompañada por Matilda, navegaban 
polo mar das letras para rescatar todos aqueles personaxes que se 
aventuraban a cruzar o mar buscando un conto mellor. Heroínas con forte 
sentido da xustiza e do deber de protexer os máis débiles.
Finalmente,
 despois de moitos atrancos, chegaron a porto seguro, o Porto da 
Biblioteca, o Paraíso do que lle falara Borges: un lugar cheo de 
tesouros afundidos, como lle dixera Virginia Woolf; unha nave espacial 
que a levaría aos recunchos máis afastados do universo; unha máquina do 
tempo que a transportaría ao pasado máis remoto e ao futuro más 
afastado; unha saída a unha vida mellor, máis feliz e máis útil, como 
lle explicara Isaac Asimov. Un lugar onde non necesitaba ser princesa 
para ser a protagonista de todos os contos.
Longa
 vida ás bibliotecas, refuxio de todas, tamén das sen conto, das sen 
libro, das sen papeis, das nenas que non queren ser princesas e dos 
nenos que non queren ser heroes. Longa vida aos bibliotecarios e 
bibliotecarias, gardiáns do Paraíso, de máquinas do tempo e de grandes 
tesouros como son os libros.
Texto: Gemma Pasqual 
Cartel: Miguel Calatayud
Tradución: Héctor Cajaraville 

Ningún comentario:
Publicar un comentario