Existen antecedentes..., e mesmo o caso actual da exitosa factoría de éxitos chamada Carmen Mola, tras a que están Jorge Díaz, Agustín Martínez e Antonio Mercero.
Aínda así, a última reunión do Club de Lectura celebrou esa feliz anomalía: reunímonos coas autoras de La vida que fue.
Por iso, a primeira pregunta versou sobre a súa cociña da escrita. E, xa na primeira resposta, quedou claro o grande entendemento que comparten María José Pardo Fandiño e Lucía Sáez Baquedano.
A materia narrativa de La vida que fue é ben recoñecible. Na conversa quedou ben claro que o nomadismo é un comportamento que explica o proceder dos grupos humanos desde a orixe dos tempos. Polo tanto, falar de La vida que fue esixe explicitar os distintos motivos das viaxes, entre os que están, a emigración, a invasión bélica, o exilio...
A intrahistoria desta saga familiar constitúe un paseo pola historia do século XX: a emigración obrigada dos europeos a América, a segregación racial e o crac económico do 29, o golpe de estado e a posterior guerra civil española, os campos de concentración —Argelès-sur-Mer ou Betanzos—, a ocupación nazi de Francia, a liberación española de París, ou a guerra de independencia de Arxelia.
A novela está subdividida en catro seccións: José. Los inicios (pp. 9-63), Manuel. ¿La esperanza? (pp. 65-87), Balbina. Las raíces (pp. 89-105) Ernesto. El destierro (pp. 107-156).
En favor da variedade, cada unha destas partes, presenta unha focalización da historia desde unha personaxe. Asemade, agracede o lector que a voz autoral combine, na construción do relato, a observación costumbrista, a parodia humorística, a novela sentimenal, o relato épico e a traxedia da fuxida ao exilio.
Unha historia que afunde as súas raíces na vila na que naceu Balbina. Unha vila da costa de Galicia que nunca recibe o seu nome.
José, Virtudes, Manuel, Rosalía, Ernesto, Santiago.
Nomes que poderían ser os nomes dos avós ou dos pais do lector.
Todos procuramos vivir unha [outra] vida, pero, pasado o tempo, volta a mirada atrás, todas as vidas veñen a ser La vida que fue.







Ningún comentario:
Publicar un comentario