1. Alborece sobre as miles de chabolas espalladas pola terra seca e empoeirada de Alexandra o día de Nadal. Na casa de Zahina non hai árbores decorados nin medias vermellas á beira da lareira, porque nos arrabais musulmáns das aforas de Johannesburgo a neve e o Nadal semellan un espexismo, e capricho dos brancos. Zahina non quere espertar á rutina da mañá. Onte á noite, nunha canle de televisión vira unha película, e pechara os ollos desexando secretamente tamén unha árbore con luces e agasallos. Unha bicicleta, escollera de todos os presentes posibles do seu soño unha bicicleta. Con ela podería saír das rúas de Alexandra, cara á cidade, e de alí voar a un lugar onde puidera ver flocos de neve caendo.
2. Despois de xantar o día de Nadal sempre vían unha película abrigados do pedrazo da fría tarde. Este ano decidiron que escollería Shay. Mentres pais, irmáns e avós acaban na cociña coa últimos anacos do Plum Pudding, Shay revisa os antigos DVDs do seu pai; Elf, Milagre na rúa 34, Brancas Navidades... de cando en vez , atravesa o salón cara á árbore de Nadal a pequena Nessa abrazando a súa nova boneca cantando; “I saw three ships come sailing in on Christmas day, on Christmas day…” Nessa párase diante da árbore e sae correndo entre asustada e incrédula. Da cociña, vén o cheiro do Mulled Wine; canela, xenxibre, laranxa...Shay ten a cabeza noutro lado; o día seguinte é o Wren Boys así que xa rebuscou no faiado algunhas roupas vellas do avó e unha frauta...“And what was in those ships all three on Christmas day, on Christmas day…”. Nessa volta a cruzar o salón. Shay vai saír cos amigos na mañá seguinte polas rúas de Ballinter cantando e pedindo algunhas moedas a cambio dunha pluma que simboliza a boa sorte. Estes días percorren as rúas da cidade dublineses que voltaron para pasalo Nadal na casa. É doado identificalos cos seus abrigos canadenses ou o seu forzado acento yanquee. Todos dan moedas mentres os rapaces tocan algo para eles e gardan a súa pluma da sorte no seu peto cun sorriso sinceiro. Shay deséxalles a todos a sorte de poder volver pronto, porque el non quere marchar nunca das rúas de Ballinter, só no verán, para ir pescar a Howth co seu pai. Xa decidiu a película, "O Grinch".
3. Cae a noite do 25 de decembro sobre Sukkur, e Sajid refréscase no río despois dun día duro no campo mentres lembra os días de Nadal que vivira en Feltham, nas aforas de Londres. El xogara naquelas rúas con xoguetes novos mentres con desprezo o chamaban "Paki". Toda a familia pasaba o día como podía porque o Nadal dos hindús, o Diwali, xa rematara. A calurosa realidade de Sukkur tiña nubrado xa moitas memorias da infancia. O que non esquecía era o agasallo que seu pai lle fixera no último Nadal. Grazas a el, Sajid retornara ás súas raíces, ó lugar ó que pertencía; seu pai regaláralle unha viaxe para o Paquistán.
Ningún comentario:
Publicar un comentario