Os que formamos parte do Equipo da Biblioteca Sebastián Buedo Jiménez estamos máis afeitos a estar do lado dos que escoitan. Por iso, coñecemos moi ben a sensación que desatan os relatos de experiencias docentes marabillosas, que sempre nos parecen resoltas por marabillosos e inimitables profesores, que conseguen espertar nos seus alumnos, aos que acabamos supoñendo tamén irrealmente marabillosos, as mellores actitudes para a aprendizaxe. Se despois de contar a historia do Club de Lectura Máis de cen ás para voar esa fose a sensación que predominase neste auditorio, o noso relato sería un absoluto fracaso, porque, no caso de que concorran nos vosos centros os factores que posibilitaron o sucedido no Francisco Aguiar, a nosa sería, crémolo sinceramente, unha experiencia facilmente exportable.
Hai catro anos, cando se presentou ante Claustro e Consello Escolar a proposta de ofertar Clubs de Lectura, as nosas expectativas eran moi modestas. O noso punto de partida era o arraigado convencemento de que, como di Ramón Gómez de la Serna, «un libro es un pájaro con más de cien alas para volar». Optábamos, temos que confesalo, a unha axuda que puidese permitir a ilusionante compra de títulos novos para, calculabamos, un número pequeno de alumnos interesados secretamente na lectura. Nin sequera sabiamos cantos profesores estarían dispostos a renunciar ao seu tempo de lecer, para entregalo a unha causa tan altruísta. Tampouco esperabamos poder contar coa resposta das familias e constituír un Club de lectura de Adultos.
Contra prognóstico, acabouse formando tamén ese Club de Lectura de Adultos, que comezou a reunirse na recentemente inaugurada en Betanzos Libraría Biblos á que temos tanto que agradecer. Acudiron ese ano, sobre todo, nais e algún pai de alumno e os profesores que formabamos parte del Equipo da Biblioteca, activo, certamente, desde o ano 2004. Ao principio, foron tamén sete profesores dese Equipo os que comezaron a vehicular as peticións dos alumnos de formar parte duns Clubs de Lectura que nin sequera sabíamos que poderían ler e nin en que momento celebrarían as súas reunións.
Por que inesperadamente se puxeron en marcha tantos grupos de lectores? A resposta é evidente. Durante ese curso a nosa iniciativa permitiu aflorar unha corrente subterránea favorable á lectura, debida ao bo traballo de docentes que promoveran bos hábitos lectores nos que eran agora os nosos alumnos. Ese traballo excelente na promoción da lectura no Colexio Vales Vilamarín predispuxo positivamente a un gran número de alumnos de Primeiro da ESO. O mesmo excelente traballo dos CPIs e IES da bisbarra fixo o resto cos alumnos que se incorporaron ao noso centro en primeiro de Bacharelato. Ademais, no caso dos alumnos procedentes do CPI Castro Baxoi de Miño e do IES de Viós de Abegondo, non se lles propoñía nada descoñecido, pois eles, reciban a nosa felicitación, xa levaban anos ofertando nos seus centros Clubs de lectura. Tamén convén ter presente que os adolescentes len moito máis do que supoñemos, porque nas familias, en máis familias das que supoñemos, existe un interese notable por promover e consolidar hábitos lectores. Pensar que temos que partir sempre de cero en docencia adoita ser un gran erro de diagnóstico.
Conseguir coordinar tantos Clubs de Lectura obrigounos a desdobrarnos, a multiplicar esforzos e a traballar de modo sensato e rendible, deseñando un organigrama que non fose imposible de soster. Dado que con sete profesores era imposible atender simultaneamente aos arredor de 180 alumnos, optamos por ofrecer aos cursos de Bacharelato reunións durante o recreo. En trinta minutos existe a posibilidade de tentar crear un clima de aproximación, de conversación informal. Ademais, os alumnos de bacharelato coincidían nestas reunións coa súa profesora de galego, Carmen Suárez, que se responsabiliza xunto a Óscar García da xestión desas lecturas. O feito de que os alumnos da ESO dispuxeran de dous recreos de 15 minutos, motivou que nos vísemos obrigados a buscar outro momento. Contando co apoio do Equipo directivo, ofrecémoslles aos arredor deses noventa alumnos, quedar a comer na cafetería do Instituto para poder ter as reunións antes das clases da tarde do martes. Deste modo, imprevisiblemente, naceu a «festa da lectura» que desde entón celebramos mensualmente no Aguiar.
Durante ese primeiro curso os nosos alumnos leron o que puidemos ofrecerllles: libros que solicitamos a centros amigos ou lecturas obrigatorias de ESO que convertemos en libros de lectura de Bacharelato ou do Club de Adultos: reciclamos con enxeño, administramos a escaseza e fomos ditosos gozando do xúbilo dos nosos alumnos nesta nosa era das descubertas.
Afortunadamente, durante o segundo curso, medrou o número de profesores que quixeron participar na mensual A festa da lectura e no Club de Lectura de Adultos, pero esas incorporacións non proporcionaron un equilibro de forzas, dado que o efecto chamada ocasionou que aumentase exponencialmente o número de alumnos aos que había que atender. Outra vez, con vontade e enxeño, soubemos satisfacer a demanda. Aos alumnos que agora cursaban segundo de Bacharelato, ofrecéuselles seguir no Club de Lectura, pero sen duplicar os seus esforzos. Para eles deseñouse un Club de Lectura Presencial de microformas literarias (microrrelatos, poesía, curtametraxes...) no que se busca incluso propiciar a aparición dun oasis de reflexión pracenteira durante un curso, sabémolo moi ben, absolutamente esixente. Tamén nos pareceu necesario atrapar para a lectura a aqueles alumnos, moitas veces de niveis baixos, que carecendo de hábitos lectores, precisan un reclamo. Óscar García encargouse de dirixir o Club de Lectura de Álbum Ilustrado. Tamén durante este segundo curso, o Club de Lectura de Adultos, ao que xa se incorporaran lectores non vinculados ao noso centro, deu un paso adiante ao celebrar un encontro con Cristina Sánchez Andrade tras ler a súa novela Las inviernas. Malia todos estes avances, nós seguimos lembrando este curso como o curso no que estivemos a punto de morrer de éxito. Todos sabemos que co diñeiro que aporta a Consellería moitos Clubs, afortunadamente, elixen comprar títulos novos, preparan merendas, visitan librarías, fan excursións culturais… Nós esgotamos rapidamente o orzamento renovando algúns títulos, polo tanto, o fin de curso máis xeneroso que podemos ofrecer aos nosos nosos alumnos é unha bucólica reunión do Club de Lectura tras unha longa camiñata campestre aos Caneiros.
Durante o curso 2015/2016, a experiencia acumulada propiciou que non reiteraramos certos erros. Conseguimos conter o gasto do exiguo orzamento renunciando a comprar os libros do Club de Lectura de Adultos. Desde entón, ou ben os solicitamos en préstamo ás excelentes Bibliotecas do Concello da Coruña ou Club de Lectura de Galicia, ou ben, cando recibimos a visita dalgún autor, como este pasado curso no que lemos a Anxos Sumai, Celso Castro e Raquel Vázquez, asume a compra do libro cada un dos lectores. Sentímonos orgullosos por contemplar que segue medrando o número de profesores que se implican neste ilusionante proxecto (este ano pasado eramos nove) e, sobre todo, por ter sabido ofrecer tamén a certos alumnos da ESO un Club de Lectura Presencial Inclusivo que permite acoller nel aos que arrastran, por diversos motivos, dificultades de aprendizaxe.
Recibir a invitación de Bibliotecas Escolares para relatar a nosa experiencia, ratifica que sempre existe un camiño e que, basta ás veces, pretender emprendelo. Durante esta nosa cuarta etapa están na rota 278 lectores. Guíanos Óscar García, Carmen Suárez, María José Pardo, Elvira Castro, Nieves López, Lucía Sáez, Xosé Luis Mosquera, Julián Ferrer, Francisco Rodríguez, aos que pediron sumarse Antonio Porto, Melanie Pintos e Beatriz Vázquez, estas dúas últimas compañeiras para coordinar un novo Club de Lectura en francés.
Todos os que formamos parte do Equipo da Biblioteca coincidimos no balance. É certo: é moito o esforzo e o tempo empregado no empeño. Tamén é grande o proveito. Sabemos recoñecer que formar parte deste Equipo serviu para traballar en grupo desde o respecto e, moitísimas veces, desde a admiración mutua. Sabemos que cada vez é máis o número de compañeiros que, non só acepta as propostas feitas desde o Equipo da Biblioteca, senón tamén busca integrar os seus proxectos nas programación anual das nosas actividades. É certo que sempre contamos co apoio do Equipo Directivo, pero nestes últimos anos advertimos que valoraron, en consonancia co noso esforzo, o traballo desempeñado. Tamén é evidente a alta consideración social conseguida en Betanzos a través do Club de Lectura de Adultos, unha actividade moi ben valorada nun Concello que presenta unha oferta cultural moi rica. Aos alumnos, coincidiren nos Clubs de lectura serviulles para tratar os profesores noutro espazo ben distinto ao da clase, e, principalmente, para que todos eles, procedentes de concellos distintos, se coñezan, se escoiten e se respecten. O Club de lectura foi en moitos casos o principio. O principio do Coro Fa Menor, o principio do Grupo de teatro, o principio do grupo de Colaboradores da Biblioteca. Por iso, queremos dicir que, por riba de todo, o que máis nos satisfai é percibir nos alumnos o desexo de pertenza á Comunidade Escolar do Aguiar.
Di Cioran que «un libro debe furgar nas feridas, provocalas incluso». «Un libro —di Cioran— debe ser un perigo». No noso caso, non temos medo. Sabemos que, aínda que esteamos moi fatigados, o peor que nos pode pasar é que botemos a voar.
Equipo da Biblioteca Sebastián Buedo Jiménez
Santiago, 19 de novembro de 2016
Santiago, 19 de novembro de 2016
Ningún comentario:
Publicar un comentario