mércores, 1 de xuño de 2022

ESPAZO E LUZ

 

    O espazo fotográfico, o espazo que mostra unha fotografía é unha construción particular a partir dun espazo real. Neste sentido, podemos pensar en certa medida nos fotógrafos como arquitectos, como construtores de espazos. Son as eleccións fotográficas as que constrúen un determinado espazo na fotografía: o encadre, a distancia, o ángulo, a profundidade constrúen unha determinada configuración do espazo. As fotografías de espazos teñen unha gran potencia evocadora e un gran valor fotográfico. De feito, hai unha extensa tradición fotográfica vinculada Aos espazos como protagonistas da fotografía, capturándoos xustamente sen presenza humana. 
   A luz é esencial na fotografía; de feito, a mesma palabra “fotografía" proven da palabra luz: o que a luz debuxa. Polo tanto, sempre hai luz: pero ás veces, a luz non só está, senón que se fai visible. Sexa porque un feixe de luz entra e ocupa o espazo, sexa polo xogo de luces e sombras, sexa porque a súa coloración nunha determinada hora do día tingue dun ton todo o espazo, etc. 
   As imaxes que forman parte desta exposición constitúen un resume da investigación levada a cabo polo alumnado de 3º ESO sobre a construción do espazo con atención á luz e a como esta se relaciona co espazo e o transforma. 
Xosé Manuel Rey Bao

Ningún comentario:

Publicar un comentario