xoves, 18 de setembro de 2014

CRONOLOXÍA DA URXENCIA, Dores Tembrás

DORES TEMBRÁS, Cronoloxía da urxencia, Espiral Maior, Culleredo, 2014, 88 páxinas.

[PG TEM cro]


O pasado 28 de agosto presentaba na Libraría Biblos de Betanzos o seu novo poemario Dores Tembrás. Con ela, e para falar da Cronoloxía da urxencia, estaban o seu editor, o poeta Miguel Anxo Fernán Vello, Xavier Seoane e Emilio Salgado, profesor de lingua e literatura (e ex-alumno do Aguiar), a quen temos que agradecer a cesión das súas lúcidas palabras de presentación, un pequeno ensaio sobre Cronoloxía da urxencia que axuda notablemente a comprender os versos de Tembrás. 

 ***

ARQUEOLOXÍA E RESTAURACIÓN EN CRONOLOXÍA DA URXENCIA

desaloxarme
traer ao pensamento
algoritmos vellos
de lacena que renxe
ou eran as mans
a tirar da seda?

   Son estes, mergullado na memoria, os primeiros versos que recupero de Cronoloxía da urxencia, ecoando a voz de Dores Tembrás emocionada e emocionante na lectura privadísima, privilexiados nós que gozamos dela nunha noite de martes (seguramente). Nestas dezaoito palabras (como nunha soa calquera da súa escrita) e un signo de interrogación vexo condensada a súa poética, a súa poesía, a súa voz, o seu mundo. A dúbida, o tacto e o sensitivo todo, o ser/non ser, a memoria, a raíz como eixos; a condensación, e sobre todo para min, a exactitude absoluta da verba necesaria, a presenza da que non está visible, pero asoma nos ocos entre as palabras, entre as vogais que abren infinitos significados.
   Todo este tránsito polos versos do libro, polos seus brancos tamén, revela para min (estudoso e amante coma ela da linguaxe) e para calquera lector atento, un traballo meticuloso e paciente de arqueóloga primeiro, e máis tarde de delicada restauradora das verbas soterradas e pervertidas polo tempo: limparlles o po, decapalas de vagar, eliminando coidadosamente as veladuras de cotianeidade ata o seu cerne (“de lira ire / per saecula / saeculorum”), e engarzar os cultismos revividos coas expresións máis de seu, máis de nós (“pasar lambendo”). Eses “algoritmos vellos / de lacena que renxe” conxugan unha volta á orixe da linguaxe que nos constitúe no ser ao que chegamos neste agora. Pero sempre, sobre a testa, a espada de Damócles do poeta auténtico, tan acertadamente condensada por Valente e que abre a segunda parte do poemario de Dores: “y el no estar a la altura de las propias palabras / con esfuerzo aprendidas”.
   E con Valente… Eva Veiga, ineludible e necesaria entre as poetas contemporáneas galegas, Pizarnik (“el silencio no existe”) tatuada para sempre na alma da autora, Barthes (referente intelectual para a nosa tribo de filólogos), John Berger (inmenso: grazas, Dores, por traelo á miña, ás nosas, vidas), e Cortázar, e Olalla Cociña, e Élouard, e Baleirón, e Cage, e Gonzalo Hermo, e Xabier Seoane, e Anxo Angueira…  Todos presentes por relacións de amizade, vitais, poéticas, sobre todo. E o máis marabilloso é que, a pesares de toda esta bagaxe de alusións e citas eruditas, o libro non se constrúe en absoluto como un “manual para iniciados”, senón que está aberto a calquera lectura, ata as máis limpas de referencias culturais.
   Estamos ante un libro metapoético? Sen dúbida, pero non soamente, e iso é, precisamente, o que o fai enorme. O pulso vital está tan presente en cada liña que é imposible unha lectura exclusivamente intelectualizada: os insectos, o mel, ás árbores e os seus froitos, as linguas, cada terminación nerviosa da pel (“ohmímetro / nas xemas” “o leite recén munxido / a correr polos dedos”) danlle unha fisicidade que nos agarra do colo e nos sacude sen pausa, obrigándonos a respirar entre texto e texto, a tentar recobrar o alento no baleiro, onde non hai.
   O “ti” omnipresente consegue fundirse co lector (outra clave da poética tembrasiana: a comuñón), facendo de nós un monstro de múltiples cabezas: amante, espectador, pura linguaxe en potencia… Porque iso é o que queda trala viaxe pola Cronoloxía: o a piques de, o linde entre, o que non é pero, a promesa, o merodeo, a claudicación?

Emilio Salgado

Ningún comentario:

Publicar un comentario