Onte luns, as 19:00 tivo lugar a segunda reunión do Clube de Lectura Adultos Aguiar para dar conta do pracer obtido tras a lectura de El olvido que seremos.
Tendo en conta que o ano pasado as lecturas foron de novelas, era a primeira vez que falabamos dunha obra non ficcional. Esta "carta a una sombra", como di o autor, presenta un carácter híbrido: ás memorias do neno que idolatra ao seu pai, sucédelle a crónica relativamente haxiográfica do martirio de Héctor Abad Gómez, un home bo, un admirable exemplo de humanismo e sabedoría.
Foi fácil emocioanarse coa traxedia padecida por esta familia, e tamén asequible que nos preguntáramos polo proxecto educativo dunha familia acomodada dun pais caribeño nun tempo relativamente próximo, pero tamén alonxado do noso sistema de valores actuais.
Compartimos impresións sobre o papel da muller antes (e agora), sobre o altruismo egoísta de Héctor Abad Gómez, sobre a dificultade de compartir, dende as nosas realidades familiares, certas propostas: "Si quieres que tu hijo sea bueno, hazlo feliz...[p. 24]; "Soy muy buen padre, pero muy mala madre" [p. 196].
Tamén falou Loli da curiosidade que sentía por coñecer a autoría real do poema (atribuido a Jorge Luis Borges) que da título á obra, tema central do libro de Héctor Abab Faciolince, aparecido no 2010 Traiciones de la memoria.
Chegando ás 20:30, e sendo luns, tocou ir recollendo, tras repartir o noso novo proxecto en común: a lectura de Las inviernas, que nos reunirá o día venres 12 de decembro, esta vez, arredor da autora, Cristina Sánchez Andrade.
Damos a benvida as dúas novas persoas que se sumaron á nosa aventura, e reiteramos a invitación a todos os que poidades dispoñer, xenerosamente, dun tempiño para compartir con nós, entre nós.
Ningún comentario:
Publicar un comentario