xoves, 20 de novembro de 2014

LENDAS GALEGAS DA TRADICIÓN ORAL, Xosé Manuel González Reboredo

XOSÉ MANUEL GONZÁLEZ REBOREDO, Lendas galegas da tradición oral, Galaxia, 2010, 208 páxinas.


[NG GON len]


A LENDA DA ERMIDA DE ARANGA

   Nunha ocasión, unhas mulleres que pasaban de noite por preto de Aranga (Betanzos, A Coruña) sentiron soar unha campaíña por baixo da terra. Foron entón onda o crego, que veu con elas e comezaron a cavar ata dar cunha cruz de ferro con adornos de cobre e unha coroa de prata que tiña unha campaíña que era a que as mulleres sentiran tocar. Esta cruz parece ser que despois foi roubada ou vendidos algúns anacos.
   No sitio en que estaba a cruz comezou a manar unha fonte de augas milagreiras. Arranxada a fonte e feita unha ermida naquel sitio, organizouse anualmente unha romaría que ten lugar o día 3 de maio.
   A dita fonte, ermida e rornaría fai referencia un cantar de por alí, que di:

   Verdadeira cruz de Aranga,
   que has de dar aos teus romeiros:
   auguiña da túa fonte,
   sombra dos teus casstiñeiros.

Versión publicada por Xaquín Lorenzo en Nós 99. Ourense, 15-III-1952, p. 49.

Ningún comentario:

Publicar un comentario