PRÓXIMA REUNIÓN
Luns 23 de xaneiro de 2017 [19:00]
Libraría Biblos
Rúa Santiago, 4
Betanzos
Dous a cero. Este ano, os que temos a responsabilidade de escoller títulos, soubemos elixir. Del color de la leche pode ser máis ou menos verosímil na xustificación do relato (quen é o narratario desta historia contada con tanta serenidade?), pode tropezar na torpe oposición entre o mundo natural da casa de Mary e o mundo sofisticado da casa do Vicario, mesmo pode precipitar un final previsible ao servizo dun efecto moi ben logrado... En calquera dos casos, é un relato contado por unha voz moi potente na que resoan as voces de todas as mulleres que precederon ás nosas avoas, ás nosas nais: unha historia sobre os padecementos da muller, pola condición de ser muller, nun mundo non moito menos inxusto do que lles espera ás nosas fillas.
Para conseguir o terceiro punto do partido, comezamos a ler unha historia de non ficción: Suite francesa, o longo relato de Irène Némirovsky. Sabemos que todos chegarán a tempo de ler as 476 páxinas do texto orixinal.
Tamén que existen algúns atallos para os máis apurados polas obrigas familiares e profesionais: as 224 páxinas da novela gráfica ou os 107 minutos da correcta versión cinematográfica.
EMMANUEL MOYNOT, Suite francesa, Salamandra Graphic, Barcelona, 2015, 224 páxinas.
SAUL DIBB, Suite francesa, Alliance Film, 2014, 107 minutos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario